O goberno local considera que os socialistas tentan boicotear a competición de natación deste domingo
Cervo, 8 de xuño de 2012-O edil de Deportes, José Ramón Soto, asegurou esta mañá que as declaracións do PSOE de Cervo ao redor da piscina olímpica de San Ciprián só buscan “boicotear o Campionato Galego Máster de Natación Open que se celebra este domingo e poñer todos os atrancos e obstáculos posibles para xerar malestar”. Para Soto, “os socialistas quixeron alarmar á poboación con acusacións esaxeradas e infundadas sobre a seguridade da piscina” e deste xeito, “facer un boicot contra un evento de tanta relevancia na natación galega” engade o responsable de Deportes.
Ao mesmo tempo, Soto lamentou que o grupo municipal socialista non se tivera informado antes de saír á opinión pública xa que “as deficiencias existentes nunha das catro saídas de emerxencia que existen na piscina foron reparadas, mellora que o goberno tiña previsto facer por responsabilidade, unha palabra que os socialistas descoñecen”. Para o edil, a “estratexia do medo utilizada polo PSOE cervense é absolutamente imprudente” e a súa “incapacidade para alegrarse de que Cervo acolla un evento deportivo desta envergadura é unha mostra máis da súa irresponsabilidade”.
O delegado de Deportes asegura que o boicot dos socialistas é especialmente grave cando se analiza con máis detemento, xa que “o seu obxectivo final é desprestixiar o municipio de Cervo e crear unha mala imaxe das súas instalacións para evitar o progreso”. Deste xeito, o edil pídelle aos socialistas que “midan as súas palabras e se alegren daquelas accións que benefician aos veciños” porque deste xeito “tamén estarán facendo unha oposición útil e responsable”.