O PP local crea un grupo de traballo para facer seguimento das obras da A8 que se materializarán grazas ao compromiso asumido por Fomento, que destina a esta vía uns 98 millóns de euros entre 2012 e 2013
Os populares manterán reunións cos veciños e coas entidades representativas para coñecer de primeira man as actuacións que se levarán a cabo en torno á adecuación da Autovía Transcantábrica ao seu paso por Mondoñedo e prever así as consecuencias que se poden ocasionar nos veciños
O Goberno socialista presupostara para o 2011, 6,3 millóns de euros para o remate do proxecto da autovía nos tramos Lindín-Careira e Mondoñedo-Lindín, mentres que os populares comprometeron para o 2012, máis de 48 millóns de euros
Mondoñedo, 9 de xuño de 2012- O Partido Popular de Mondoñedo crea un grupo de traballo que permite facer seguimento das obras acaecidas en torno a Autovía da A8. Estes acometidos poderanse materializar grazas ao compromiso asumido polo Ministerio de Fomento do Goberno Central que permitirá efectivizar o remate da A-8 ao seu paso por Mondoñedo, debido aos 48 millóns presupostados para 2012, ao que se lle suma a proxección para 2013, e recollendo así en orzamentos para os dous anos unha inversión total que xira en torno aos 98 millóns de euros. Os populares tamén recordan o compromiso de pago de expropiacións dos socialistas, algunhas delas anteriores ao 2009, e que deixaron sen pagar.
En concreto, o Ministerio de Fomento para o 2012, destina máis de 21.7 millóns euros para o tramo Lindín-Careira (9,3 quilómetros) e máis de 26.3 millóns para o que discurre entre Mondoñedo-Lindín, que suma uns 4.7 quilómetros. Mentres que a proxección para 2013 recolle a inversión de máis de 23,4 millóns de euros para o tramo Lindín-Careira e máis de 26.18 millóns para o de Mondoñedo-Líndin.
Cabe recordar que as obras nestes tramos da autovía comezaron no 2005 e prevese, polo tanto, que rematen no 2013. Dado este compromiso dos populares en Madrid, o grupo municipal considera que facer seguimento e control destas obras é a principal axuda que pode ofrecer aos veciños da zona, para evitar así que se repitan os posibles trastornos ocasionados ata agora a raíz das obras na A-8. Dende fai anos, os veciños das zonas de Vigo, Reguengo, O Carme, San Paio e Lindín, entre outros, vían como se inundaban as súas casas e colleitas en días de choiva debido as obras e trastornos ocasionados polas obras da A-8. As obras do tramo da transcantábrica, ao seu paso por Mondoñedo, vironse paralizadas pola necesidade de modificar o tramado orixinal debido a problemas técnicos e de consolidación de terreo. Desta maneira, o Grupo Popular manterá xuntanzas cos veciños e coas entidades representativas das zona.
Dada esta situación sufrida no seu momento co goberno socialista en Madrid, o Partido Popular de Mondoñedo solicitara daquela un plan de emerxencia que permitira solventar os problemas. Agora, como mostra de coherencia, os populares crean un grupo de traballo para facer seguimento das obras. Esta actitude do grupo municipal permitirá facer seguimento dos acometidos que se levarán a cabo grazas á vontade demostrada polo Goberno central e que permitirá materializar un compromiso ralentizado en numerosas ocasións polo departamento liderado por José Blanco e que, ademais de dificultar as comunicacións, estaba a ocasionar importantes trastornos no día a día dos veciños das parroquias polas que discorre a autovía.
Estas cantidades presupostadas polo Goberno central para acometer obras no tramos da Autovía Transcantábrica ao seu paso por Mondoñedo, permiten que Lugo se leve case a metade do orzamento que Fomento destina a Galicia, aproximadamente 130 millóns de euros.
Por outra banda, o Partido Popular de Mondoñedo repulsa a falta de planificación na xestión do bipartito, que retrasou a sesión ordinaria do pleno de maio. Segundo o rexedor local, este aprazamento do pleno débese as consultas que ten que emprender o goberno municipal en relación ao Plan Xeral de Ordenación Municipal, e que ten previsto aprobar provisionalmente no próximo pleno. Os populares aseguran que esta é un nova mostra de falta de traballo cando o documento do PXOM está en poder dos membros da corporación dende o ano 2010.