O pasado xoves día 31 de maio celebramos no Concello de Burela, un pleno ordinario onde os puntos a tratar non tiñan ningunha vinculación para acadar melloras para os veciños.
É significativo que este equipo de goberno (do PP) impuxera unha cadencia de celebración de plenos cada dous meses, (na anterior etapa había un pleno ordinario mensual) onde se levan puntos a tratar soamente para encher o espazo da orde do día.
Dous puntos eran de carácter administrativo: modificación orzamentaria e recoñecemento extraxudicial de créditos. Aprobáronse por unanimidade.
E tres puntos eran de solicitude: dúas dirixidas a Fomento e unha dirixida a Deputación.
Solicitouse a Fomento a transmisión da titularidade de dous tramos da vía de servizo da variante. A: Inicio no deslinde co concello de Foz e remate na rúa do Instituto(1430 metros). B: Rúa do Instituto ata Luís Seoane (900 metros).
Estas dúas solicitudes aprobáronse coa nosa abstención porque entendemos que o que realmente interesa ao Concello de Burela é a titularidade da variante, onde se inclúen as vías de servizo, porque daría posibilidades urbanísticas. O Grupo Socialista fixo alegación ó PXOM para que esta posibilidade sexa real ó propoñer que o trazado da autovía Barreiros- S.Cibrao, fose a que se aprobou por unanimidade polos grupos políticos e asociacións e entidades de Burela. Si esta alegación é aceptada, a variante pasaría a titularidade municipal.
Á Deputación de Lugo solicitouse a transmisión da titularidade do tramo urbano entre o Porto de Burela e rúa Villaestrofe pasando por rúa Eijo Garai e Pascual Veiga. Esta solicitude aprobouse por unanimidade, de feito o concello leva moitos anos tratando este tramo como propio.
Unha vez rematado o “debate” sobre estes interesantes puntos o goberno municipal do PP sorpréndenos presentando dúas mocións que fotocopiaron dun modelo realizado pola dirección do partido e que por consigna se presentan en concellos e Deputación.
As dúas mocións teñen en común evadir á Xunta e Goberno Central de responsabilidades, botando balóns fóra, e envaiñar á Deputación estas responsabilidades.
Primeira moción: Moción do Partido Popular sobre Servizo Municipal de Axuda no Fogar.
Nesta moción o PP solicita á Deputación de Lugo o financiamento do servizo de axuda no fogar básico e do persoal técnico dos equipos municipais de servizos sociais comunitarios para as corporacións locais dos concellos de menos de 20.000 habitantes.
Realizan esta petición por que a Xunta aprobou un decreto (99/2012) onde se regulan os Servizos Sociais Comunitarios e suprime o financiamento autonómico das Axudas no Fogar para persoas nos recoñecidas como dependentes nos Concellos de menos de 20.000 habitantes.
Este decreto obriga ás Deputacións a asumir o financiamento das Axudas no Fogar nos concellos de menos de 20.000 habitantes (todos os da provincia, agás Lugo).
As cantidades necesarias para este servizo eran aprobadas no Parlamento Galego anualmente para facer fronte ó cumprimento dos gastos derivados do exercicio das Competencias da Xunta de Galicia en materia de servizos sociais. O goberno galego está obrigado a financiar mediante os seus presupostos as Axudas no Fogar e transferir a todos os concellos (sen ter en conta o número de habitantes) os medios económicos necesarios. Con este decreto, a Xunta non aplica a Lei de Servizos Sociais e evádese da responsabilidade económica. Por conseguinte, o grupo socialista votou en contra desta moción e propuxo a derogación do decreto 99/2012.
Segunda moción: Moción do PP relativa ao mantemento do nivel de investimento no plan de obras e servizos (POS).
Con esta moción o grupo popular pretende que a Deputación de Lugo reoriente unha porcentaxe da partida orzamentaria destinada ao Plan de Cooperación con Entidades Asociativas, Agrupacións e asociacións de Veciños para manter o investimento do POS.
Fíxense ben. O goberno Central do PP a través do Ministerio de Administracións Públicas, elimina este ano as aportacións do Plan de Obras e Servizos (POS), que no ano 2011 ascendía a 83 millóns de euros. Qué propón o goberno do concello de Burela para manter os recursos do POS? Propón reducir ou eliminar as axudas que aporta a Deputación as Asociacións veciñais para xestionar os concellos estes recursos. Con isto demostran que son uns insolidarios e que non son capaces de defender os intereses dos veciños ao non atreverse a reclamar ó Goberno Central as aportacións que deixaron de aplicar.
Onde queda claro a calidade política e persoal do alcalde, sobre información e transparencia da súa xestión, é no apartado de rogos e preguntas. A cada pregunta feita pola oposición ou ben non a contesta ou ben recorre ó método da resposta infantil.
Dous Exemplos:
Pregunta.- Para o curso que ven o servizo de auxiliares de comedor que se presta nos colexios vai a ser privatizado?
Resposta.- “pode que si, pode que non”.
Pregunta.- Canto tempo estivo aberto o público o Barco Museo no que levamos de ano?
Resposta.- O que nos pareceu oportuno.
De momento, e xa levamos un ano, este equipo de goberno da a imaxe de non estar á altura das esixencias e demandas que precisan os veciños de Burela.