Cervo presenta o Campionato de fútbol 11 que terá lugar esta fin de semana e repartirá 900 euros en premios
-A A.D.C San Román organiza este evento deportivo coa colaboración do Concello cervense
Cervo, 2 de xullo de 2012-O Concello de Cervo e a A.D.C. San Román presentaron esta tarde un evento deportivo que terá lugar esta fin de semana no campo de fútbol da asociación deportiva e no que se repartirán trofeos entre os tres mellores e ata 900 euros en premios. No acto estiveron presentes o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o edil de Deportes, José Ramón Soto e representantes da A.D.C. San Román, a entidade organizadora do evento coa colaboración do Concello.
Trátase dun Campionato de fútbol 11 que se disputará os días 7 e 8 de xullo e que está aberto á participación de todos os equipos que o desexen ata un máximo de 12, polo que en caso de superarse ese número realizarase un sorteo cuxos resultados se farán públicos o vindeiro xoves. Os equipos poderán contar con xogadores a partir de 16 anos en modalidade libre e para participar neste torneo deberán inscribirse ata o 5 de xullo.
En canto aos premios, os tres primeiros clasificados levarán un trofeo, mentres o gañador recibirá ademais 600 euros en metálico e o segundo 300 euros. Tamén haberá premios para o porteiro menos batido e o máximo goleador do campionato. “Dende o goberno local consideramos que é necesario potenciar eventos coma este, nos que se fomenta a relación e o xogo entre distintos equipos, que se enfrontarán a novas situacións” explica o edil de Deportes, polo que “enriquecerán a súa experiencia futbolística”. Ao mesmo tempo, Soto destaca que “San Román concentrará un evento deportivo de relevancia que convocará a centos de persoas, e co que ademais demostrarase que o fútbol segue cargado de actividade máis alá do remate da temporada”.