ALCOA ADXUDICA A OUTRA AUXILIAR O “SERVIZO DE MANTEMENTO MECÁNICO DO DEPARTAMENTO DE DIXESTIÓN EN ALÚMINA” QUE VIÑA FACENDO MASA Galicia SA DENDE ABRIL DE 2008
O venres pasado, MASA Galicia SA, comunica aos seus traballadores e aos Representantes destes, que ALCOA rescindira o contrato que estes tiñan para o Mantemento en Dixestión, que a partir do 31 de agosto de 2012 será asumido por outra auxiliar da que oficialmente non se deu o nome.
A maioría dos traballadores que actualmente prestan os seus servizos para MASA, fai 4 anos foran subrogados por esta ao prestar servizos no Departamento de Dixestión que anteriormente levaba REYMOGASA.
Aínda que oficialmente non temos coñecemento da empresa a quen se lle adxudicou o Mantemento deste departamento, en todo caso entendemos que ten que haber o mesmo tratamento que houbo fai 4 anos, sexa con REYMOGASA, ou calquera outra, incluída ALCOA, que terá que informar da adxudicataria da obra.
Esta semana agardamos ter coñecemento e os contactos pertinentes con quen corresponda cara a regularizar a situación, ou do contrario veriámonos obrigados a iniciar as mobilizacións que o persoal decida.