RIOTORTO DEBATERÁ O LUNS MANTER O PODER ADQUISITIVO DOS TRABALLADORES PÚBLICOS DO CONCELLO
Federico Gutiérrez Estoa afirma que “por enriba da lei está a xustiza” e “non é de xustiza que as reformas para saír da crise só procuren o recorte dos dereitos económicos e sociais da clase traballadora”
O BNG proporá ao pleno manter a paga de Nadal para que o poder adquisitivo dos traballadores do Concello non se resinta que terán xa que tería un efecto indirecto sobre o consumo no concello e no tecido económico local
Riotorto, 3 de agosto de 2012. O alcalde de Riotorto, o nacionalista Federico Gutiérrez Estoa, afirmou esta mañá que o BNG vai tentar o apoio do pleno o vindeiro luns para que se manteña o poder adquisitivo dos traballadores públicos do Concello e compensar a perda que supón a retirada da paga de Nadal coas medidas que sexan necesarias. Neste camiño, o BNG levará unha iniciativa para que manifestar o seu rexeite ás medidas reguladas polo Real Decreto-Lei 20/2012, do 13 de xullo, que supoñen a eliminación da paga de Nadal, rexeitar a decisión de impor ás empregadas e aos empregados públicos, particularmente os vinculados aos concellos, novas perdas de poder adquisitivo, que terán un efecto indirecto sobre o consumo no concello e no tecido económico local e compensar a perda do poder adquisitivo das empregadas e dos empregados públicos municipais da maneira que sexa precisa.
Segundo afirmou Federico Gutiérrez Estoa, “por riba da lei está a xustiza e igual que non é de xustiza que a Xunta de Galiza deixe sen fondos para o servizo de axuda no fogar aos concellos de menos de 20.000 habitantes e teñamos que ser os concellos, coa axuda da Deputación, quen se ten que facer cargo deste servizo, en moitos casos coma o noso, desde a gratuidade para os usuarios, tampouco é de xustiza que se reduza o poder adquisitivo dos traballadores públicos posto que esta decisión vai na dirección contraria das políticas que se necesitan para saír da crise”.
O alcalde de Riotorto afirmou que “estamos diante dunha auténtica imposición, que no caso dos concellos socava a autonomía local, ao pretender facelos partícipes de medidas inxustas, das que moitas corporacións locais discrepan politicamente, polo que supoñen de atacar de novo dereitos consolidados de persoas traballadoras, ademais da súa inutilidade, como xa se ten demostrado. A nova redución retributiva ás empregadas e aos empregados públicos que se plasma no Real Decreto-Lei 20/2011 imponse dun xeito unilateral, malia que esa medida xa se ten ensaiado noutros momentos dentro de actuacións económicas contra a crise, e como resultado deu precisamente o contrario do que se perseguía. Nada indica na práctica que a redución salarial sobre as persoas traballadoras, entre elas as persoas que desenvolven o seu traballo no sector público, sexa unha medida que contribúe á reactivación económica, ao contrario, aínda resta capacidade adquisitiva á maior parte da poboación co que se resente o consumo e a actividade económica.
Na mesma liña, o nacionalista indicou que “no caso concreto do noso concello, estamos seguros de que eliminar a paga extra ás empregadas e aos empregados da administración municipal é unha medida profundamente inxusta e equivocada. Tamén no ámbito local, agravará aínda máis a crise pois reducir o poder de compra das empregadas e dos empregados públicos afectará moi negativamente a pequenas e medianas empresas, ao pequeno comercio, en xeral ao tecido económico deste concello”.