O CONCELLO ACOMETERÁ DISTINTAS ACTUACIÓNS DE ACONDICIONAMENTO DO PAVILLÓN VISTA ALEGRE A PETICIÓN DO BURELA FS, QUE A VINDEIRA TEMPORADA XOGARÁ TANTO CO EQUIPO MASCULINO COMA CO FEMININO EN DIVISIÓN DE HORNA. OS TRABALLOS DARÁN COMEZO MAÑÁ.
Burela, 22 de agosto de 2012. O Concello acometerá distintas actuacións de acondicionamento do pavillón de deportes Vista Alegre a petición do Burela FS, que a vindeira temporada xogará tanto co equipo masculino coma co feminino en División de Honra. O alcalde, José Mª González Barcia, a concelleira de Deportes, Beatriz Piñeiro, e Antonio Ródenas, directivo do Burela FS, visitaron esta mañá as instalacións.
O rexedor anunciou que “desde o Concello de Burela imos acometer distintas actuacións de acondicionamento do pavillón de deportes Vista Alegre de cara ao comezo da próxima temporada, fundamentalmente a petición do Burela Fútbol Sala que, como se sabe, esta próxima temporada vai xogar tanto co equipo masculino como co feminino en División de Honra”.
González Barcia explicou que “houbo conversas coa xunta directiva durante todo este verán e un dos acordos ao que chegamos (hai algún máis que xa se irá dando a coñecer no seu momento) é o de levar a cabo unha serie de pequenas actuacións de cara a acondicionar o pavillón Vista Alegre. Unha delas é mover a grada metálica que actualmente está na zona leste cara adiante para permitir a perfecta visión da cancha de xogo por parte dos espectadores que se coloquen nese fondo”.
O alcalde relatou que “outra actuación que se vai levar a cabo é a de colocar butacas na grada que agora mesmo está de cemento e baleira. Aí caben aproximadamente unhas 400 persoas sentadas. E outra actuación máis, que xa está en boa parte feita, é o acondicionamento da zona reservada para o palco de autoridades, representantes de institucións, etc, que vai ter unha cabida para 26 persoas e que vai estar perfectamente delimitada, tal e como se fai noutros pavillóns e a petición da Liga Nacional de Fútbol Sala”.
O equipo de goberno entende que “con estas actuacións o pavillón Vista Alegre queda en condicións de ser usado, segundo os requisitos, que por certo este ano son mínimos, feitos pola Liga de Fútbol Sala”.
José Mª González Barcia indicou que “agora mesmo se van acometer as actuacións, xa se vai empezar mañá. Hoxe pola mañá tanto a concelleira de Deportes, Beatriz Piñeiro, como eu mesmo estivemos con técnicos do Concello e con representantes da xunta directiva do Burela Fútbol Sala visitando o propio pavillón e ultimando os detalles destas actuacións que queremos que estean completamente listas para o próximo 15 de setembro, que é o día no que empeza oficialmente a liga de fútbol sala a nivel nacional”.