O CONCELLO RECIBE PRETO DE 40.000 EUROS PARA A CONTRATACIÓN DUN ORIENTADOR/A LABORAL E DE 3 PEÓNS PARA O GRUMIR.
Burela, 3 de agosto de 2012. O Concello ven de recibir unha subvención de 14.500 euros para a contratación dun orientador laboral e outra partida de 25.217 euros para 3 peóns para o Grumir, segundo daba a coñecer esta mañá o concelleiro de Economía e Emprego, José Casas.
O edil popular explicou que “a subvención que se destina ao técnico orientador laboral distribúese para este ano e para o 2013. Para este exercizo son 9.600 euros e 4.800 para o seguinte”. O equipo de goberno está satisfeito de contar con estas partidas económicas. José Casas indicou que “o orientador laboral canalizará os posibles intereses das persoas que están a buscar traballo cos intereses das empresas coas que nós, desde o Concello, contactamos a través da bolsa de emprego”.
No caso da subvención para o Grumir trátase de 25.217 euros, dos que 16.300 proceden das Consellería de Medio Rural e do Mar e 8.900 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Estes cartos destínanse á contratación de tres peóns para o denominado Grumir estable. O Concello de Burela está adherido a un convenio asinado entre a Fegamp e a Xunta a tal efecto. Casas considera importante “o apoio da Xunta ao Concello de Burela, sobre todo neste momento de crise económica que se está a vivir no noso país, porque estas subvencións vánnos permitir crear catro postos de traballo e tamén axudarlle á xente a encontrar emprego”.