Os socios de goberno de Gómez Besteiro favorecen descaradamente co diñeiro dos lucenses aos colectivos nacionalistas e fano a través dun procedemento extraordinario no que no permiten concorrer a outros colectivos
A Deputación de Lugo destina 30.000 euros a unha fundación vinculada ao BNG a través dunha subvención directa e extraordinaria
Os deputados socialistas a nacionalistas acordaron conceder esta axuda á Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas que constituída en xullo de 2004 a iniciativa da Unión do Povo Galego (UPG) partido hexemónico dentro do BNG
Lugo, 29 de setembro de 2012.- Os populares lucenses denunciaron no día de hoxe que a Xunta de Goberno da Deputación provincial de Lugo -integrada por deputados socialistas e nacionalistas- decidiu conceder unha subvención directa e extraordinaria a unha fundación vinculada ao BNG.
Deste xeito, os socios de goberno de Gómez Besteiro favorecen descaradamente co diñeiro público de todos lucenses aos colectivos nacionalistas e fano a través dun procedemento extraordinario, que por non ser de libre concorrencia impide acceder á mesma axuda a outros colectivos asociativos da provincia.
Os feitos aconteceron o pasado 21 de setembro cando a Xunta de Goberno acordaba por unanimidade “Conceder á Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas, unha subvención directa de carácter excepcional, por importe de trinta mil euros”. Dáse a circunstancia de que este colectivo favorecido con diñeiro público por socialistas a nacionalistas foi constituído no ano 2004 a iniciativa da Unión do Povo Galego (UPG) formación política hexemónica e que na actualidade controla ao Bloque Nacionalista Galego.
ANTICIPO EXTRAORDINARIO
Non só a fundación da UPG vese favorecida pola achega desta axuda extraordinaria, baixo o pretexto de “colaborar no financiamento dos gastos de funcionamento do estudo sobre o movemento estudantil galego”, senón que ademais os integrantes do goberno provincial bipartito acordan anticipar o abono do 60% da subvención, isto é, un total de 18.000 euros.
A maiores de todo isto, a Deputación de Lugo, a través da Vicepresidencia primeira realiza patrocinios económicos destinados á publicitar o ente provincial na revista que edita esta fundación.
ABUSO DAS SUBVENCIÓNS DIRECTAS
Os populares lucenses que o Goberno bipartito da Deputación provincial abusa de xeito habitual e reiterado deste procedemento de concesión de subvencións directas, sobre todo nas proximidades de calquera cita electoral e para favorecer a concellos ou asociacións da mesma cor política que a das forzas do bipartito.
Curiosamente a normativa vixente en materia de subvencións di que o procedemento de concesión directa, por limitar o principios de publicidade e concorrencia, deberá tar un carácter excepcional e, en todo caso será aplicable cando se acrediten razóns de interese público, social, económico ou humanitario, ou outras debidamente xustificadas que dificulten a súa convocatoria pública. Só unha interpretación partidista e nesgada desta normativa permitiría deducir que, neste caso concreto, estas causas concorren para autorizar á fundación próxima ao BNG a recibir estas axudas.
SEGUIMENTO
Os populares non só fan pública esta denuncia que pon de relevo o uso partidista dos fondos públicos que xestiona a Deputación de Lugo senón que adiantan que presentarán cantas iniciativas de seguimento e control sexan preciso para depurar as responsabilidades políticas e xurídicas que destes feitos puideran derivarse.
Resulta evidente que Gómez Besteiro e Antón Veiga dirixen e forman parte dun goberno -o bipartito da Deputación lucense- cun moi dubidoso compromiso coa transparencia e a ética política o que lles leva a acometer este tipo de prácticas como mínimo cuestionables.