O CLUB FLUVIAL DE LUGO, GAÑADOR DA II COPA DEPUTACIÓN DE PIRAGÜISMO
O vicepresidente da Deputación explicou que “a colaboración dos clubs de piragüismo das localidades nas que se disputan as regatas é indispensábel á hora de celebrar esta competición, ao mesmo tempo que contribúen á revitalización deste deporte na provincia”
Esta última proba da competición provincial disputouse hoxe en Foz, e nela participaron 162 padexeiros, en categorías dende a benxamín ata a veterana
Foz, 9 de setembro de 2012. O Club Fluvial de Lugo foi o gañador da II Copa Deputación de Piragüismo, así como da sexta e última regata, disputada hoxe en Foz, na que participaron 162 palistas, quedando segundo o Club Kayak de Foz, e terceiro o Club Piragüismo Viveiro. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, foi o encargado de entregar os premios e clausurar esta competición.
Neste sentido, Antonio Veiga felicitou a todos padexeiros que participaron nestas seis regatas e amosou o seu agradecemento “a cada un dos clubs que apoiaron e colaboraron no desenvolvemento desta segunda edición da Copa Deputación de Piragüismo, pois un dos principais obxectivos que nos marcamos desde a área de Deporte da Deputación é a revitalización dun deporte histórico na provincia, como é o piragüismo, para o que é imprescindible a colaboración dos clubs, auténticos motores do deporte”.
O Vicepresidente da Deputación de Lugo fixo fincapé no feito de que “se mantivo a cantidade económica destinada á organización respecto á primeira edición, grazas ao incremento do número de fichas federativas, co que cada vez máis xente practica piragüismo en Lugo, polo que estamos vendo o noso obxectivo cumprido”.
Dende abril ata o mes presente disputáronse as 6 regatas puntuables que conforman esta competición provincial, cada unha delas organizada en colaboración con cada club participante no seu lugar de orixe; esta última co apoio do Club Kaiak de Foz.
As diferentes regatas desta competición provincial, deron cabida a todas as categorías de idade, desde benxamín ata veteranos na modalidade de Kaiak, e desde infantil ata veterano, en canoa.
VICEPRESIDENTE DA DEPUTACIÓN DE LUGO ENTREGOU OS PREMIOS DA REGATA DO CAMPIONATO GALEGO DE VELA DA CLASE OPTIMIST
Antonio Veiga explicou que “encontros deportivos como o que hoxe nos ocupa demostran o firme compromiso que a área de Deporte da Deputación ten adquirido cos deportes náuticos”
Arredor de 100 embarcacións de vela se deron cabida esta fin de semana na Ría de Foz
Foz, 9 de setembro de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, foi o encargado de entregar os premios do “Trofeo Virxe do Carme”, a regata do Campionato Galego de Vela da Clase Optimist, organizada polo Club Náutico de Foz e a Federación Galega de Vela, en colaboración coa Vicepresidencia da institución provincial.
Desta proba que está dirixida a rapaces e rapazas de entre 10 e 15 anos de idade, procedentes das catro provincias galegas, e na que participaron arredor de 100 embarcacións, saíron os 10 mellores nenos e nenas que comporán o equipo galego de Optimist para as competicións que se celebren fóra de Galiza.
Durante a súa intervención, Antonio Veiga explicou que “competicións deportivas como a que hoxe nos ocupa, demostran o compromiso que a área de Deporte da Deputación de Lugo ten adquirido cos deportes náuticos. Grazas á Vicepresidencia do ente provincial, a vela e o piragüismo foron protagonistas esta fin de semana na Mariña, concretamente aquí en Foz, algo moi positivo tanto para o deporte como para a actividade económica da comarca”.