O novo xefe do Servizo Provincial de Deportes de Lugo visita Cervo para coñecer a realidade deportiva do municipio
-Manolo Cadramón substitúe no posto a José Manuel Rozas
-O barreirense quixo achegarse ata Cervo para coñecer as necesidades do concello e ofrecer a súa colaboración na posta en marcha de iniciativas conxuntas
Cervo, 5 de setembro de 2012-O recentemente nomeado xefe do Servizo Provincial de Deportes de Lugo, Manuel Otero Méndez (coñecido como Manolo Cadramón no eido deportivo) estivo en Cervo para presentarse como novo responsable desta área e para analizar a realidade deportiva do municipio. Cadramón, barreirense e vinculado durante anos tanto á administración como ao mundo do fútbol sala, substitúe a José Manuel Rozas como responsable do departamento provincial de Deportes despois de que Rozas pasara a ocuparse da Xefatura Territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
Manolo Cadramón reuniuse en Cervo coa edil de Deportes, Yolanda Pedreira e cos representantes dos clubs deportivos do municipio. Este encontro foi un primeiro contacto entre o novo xefe de Deportes en Lugo, o Concello e as entidades cervenses co obxectivo de coñecer de primeira man a actividade deportiva do municipio e as súas necesidades. A información obtida será de utilidade para futuras colaboracións así como para a programación de actividades e iniciativas conxuntas.
A edil Yolanda Pedreira manifestou a súa satisfacción despois de manter esta reunión. “Agradecemos a Manolo Cadramón que se teña achegado ata Cervo para interesarse pola nosa conxuntura deportiva, dende as nosas instalacións ata a nosa capacidade para poñer en marcha cursos, eventos e outras actividades” asegura a concelleria “e ao mesmo tempo que nos teña ofrecido a súa colaboración e a da área que dirixe para seguir organizando iniciativas conxuntas”. Pedreira engadiu que “dende o Concello transmitímoslle a nosa aposta polo deporte e o noso interese por seguir potenciando a actividade física entre a veciñanza así como por fomentar a utilización das múltiples instalacións das que dispoñemos”.