O pavillón da Veiga acolle o partido Burela FS-Viaxes Amarelle da Copa Galicia Feminina
-É o segundo encontro que disputa o club burelés nas instalacións cervenses en menos de dúas semanas
-O luns da semana pasada era o equipo masculino o que xogaba un amigable e agora é o feminino o que se enfronta a un encontro competitivo
Cervo, 4 de agosto de 2012- A cancha de fútbol sala do pavillón da Veiga acolle este mércores, ás 20:30 horas, o encontro entre o Burela FS e o Viaxes Amarelle, partido que forma parte da fase de grupos da XXII Copa Galicia Feminina. Deste xeito, o Burela FS volve ao pavillón de San Ciprián, onde a semana pasada o equipo masculino se enfrontaba ao Automoción La Junquera nun encontro amigable. Nesta ocasión o protagonismo é para o equipo feminino nun partido competitivo e de clasificación no campionato galego.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e o presidente do club burelés, José Ramón González Casas, reuníronse estes días no pavillón da Veiga para presentar un encontro “que permite aos cervenses estar máis preto do fútbol sala”, asegura o rexedor. Para Villares “é todo un luxo ver xogar ao Burela FS en dúas ocasión tan próximas no tempo; primeiro ao equipo masculino nun amigable e agora ao feminino nun encontro de competición. Dúas formas de xogar e dous equipos de Primeira División que temos a sorte de poder acoller nas nosas instalacións”.
O mandatario cervense e o presidente da entidade laranxa coincidiron en destacar a afluencia de xente rexistrada no partido da semana pasada, polo que González Casas manifestou o seu desexo de que o partido de mañá teña a mesma boa acollida.