O PSdeG reúnese coa Asociación de Axuda ao Enfermo Mental e cos produtores da faba de Lourenzá na Mariña
– José Ramón Val recolle a proposta de poñer en marcha un centro especial de emprego para dar traballo a quince persoas discapacitadas
– O número 3 da candidatura na provincia loitará para que a Indicación Xeográfica Protexida da faba de Lourenzá “teña o recoñecemento que debe ter e isto se vexa reflectido nunha mellora dos prezos”
Esta mañá varios representantes do PSdeG PSOE, encabezados por José Ramón Val Alonso, coordenador na Mariña luguesa e número 3 da candidatura provincial, tiveron sendas reunións cos produtores da faba en Lourenzá e, posteriormente, coa directiva da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña, na sede socialista de San Cibrao. Os socialistas recolleron as súas demandas e comprometéronse a traballar por facelas posibles, ademais de adquirir o compromiso de seguir mantendo reunións periódicas con ambas asociacións para ir vendo os pasos acadados.
Na reunión en Lourenzá, Val Alonso recolleu as preocupacións dos produtores da faba, centradas sobre todo “nas dificultades para a comercialización e os baixos prezos que están a ter”, ademais “infrautilización dos locais da lonxa de venda en Lourenzá, e a falta dun lugar onde almacenar e escoller o seu produto”. O PSdeG comprometeuse a “poñer en marcha un sistema que permita a comercialización conxunta do produto, ademais de demandar a posta en funcionamento de espacios para que poidan desenrolar o seu traballo nas mellores condicións”, ademais de loitar para que a IXP (Indicación Xeográfica Protexida) “teña o recoñecemento que debe ter e que isto se vexa reflectido nunha mellora dos prezos”.
Posteriormente, na reunión coa directiva da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña, a presidenta e o vicepresidente da mesma trasladaron as súas necesidades centradas sobre todo en dotar o Centro Ocupacional que a asociación ten en Cervo, con capacidade para 50 persoas, de medios materias ademais de poder mellorar as súas infraestruturas de transporte. “Recollimos outra proposta, que é a posta en marcha dun centro especial de emprego onde poderían ter posibilidade de traballo 15 persoas discapacitadas”, explica Val Alonso.
Ambas reunións enmarcáronse dentro dunha xornada na que o PSdeG realizou máis de 25 actos en toda Galicia para aproximarse ás necesidades dos cidadáns en todos os sectores