A CORAXE DE VISTA ALEGRE CONTRA A DEFENSA DO SOTO DEL REAL
O calendario de Primeira coloca no camiño do Burela FS Pescados Rubén, por segunda semana consecutiva, un reto de fortaleza física. As pupilas de Javier Pardeiro porán a proba a coraxe laranxa contra a férrea defensa do Soto del Real, na quinta xornada, o sábado, a partir das 18.30 horas.
Vista Alegre asistirá a un novo duelo trepidante, fronte a “un rival moi defensivo, coma o Logroño, aínda que coas ideas máis claras, con máis experiencia e formación”, segundo opinou Patricia González, Peque. A ala-pivote laranxa atribúe unha das principais dificultades do Soto aos seus reforzos, destacando arriba “a finalización de Pitu e a experiencia de Raquel de Souza, unha pivote que pode sacar gol da nada”, asegurou a madrileña.
As sotorrealeñas recalarán na Mariña despois dun inicio de liga moi complicado, baténdose a Orvina (2-4) e Gironella (3-2), e tras conseguir a súa primeira vitoria a semana pasada fronte ao Ponte Ourense (4-2); o conxunto madrileño estreou a tempada coa xornada de descanso.
Peque clamou o bo traballo e a merecida recompensa do Burela FS neste primeiro tramo competitivo: “Sabiamos que era un inicio moi complicado, pero conseguimos superalo. Os resultados dannos unha dose de moral para seguir traballando e seguir arriba porque a liga é moi longa; o esforzo que nos requiriu o Diamante pasounos factura pero poderemos estar recuperadas o sábado” asegurou a ala-pivote, destacando ademais a proxección e metas do equipo: “O actual Burela non se fai dun día para outro; é un proxecto sólido que se foi formando pouco a pouco e agora están comezando a verse verdadeiramente os resultados” concluíu Peque con orgullo laranxa.
Dany, ausente xa ante o Diamante por un golpe nun xeonllo, e Haydee, afectada aínda da tendinite rotuliana, serán dúbida no vestiario mariñán.