PROXECTO LI&LA
DINAMIZACIÓN DA DIÁSPORA CABOVERDIANA EN ESPAÑA
O vindeiro sábado, 20 de Outubro, realizarase no local da Fundación EXPOMAR, de Burela, un encontro de asociacións caboverdianas do estado español, que ven dar continuidade á realizada en Xullo deste ano en Bembibre (León). Esta actividade fai parte do Proxecto LI&LA, que se está a desenvolver en catro comunidades caboverdianas no estado español (Burela, Zaragoza, Madrid e Bembibre/Ponferrada) e tres illas do arquipélago caboverdiano (Santiago, Santo Antão e São Nicolau).
O obxectivo xeral deste proxecto é promover lazos de comunicación e información directa entre as comunidades históricas da diáspora caboverdiana en España e as suas máis importantes zonas de orixe, contribuíndo á súa dinamización.
LI&LA, que significa acó&aló, foi promovido pola asociación para a Cooperación con Cabo Verde –ACCVE, e financiado con 83.000 € polo organismo africano CEDEAO, con fondos NEPAD procedentes de España. Nel participan oito asociacións caboverdianas das localidades españolas citadas (entre elas, ACCVE, Asociación Cultural TABANKA e Asociación Cultural, Recreativa e Desportiva RABENTOLA, de Burela), tres entidades municipais caboverdianas e as dúas maiores organizacións de mulleres do país africano.
No encontro estarán representadas sete asociacións (de Burela, Zaragoza, Bembibre e Ponferrada). O tema central proposto é a construción dunha rede de traballo e apoio mutuo entre as asociacións, dando continuidade ao proceso de organización iniciado en Bembibre, que implique ás institucións caboverdianas e españolas.
Por outro lado, prepararase a viaxe a Cabo Verde, prevista para o mes de Novembro, de un grupo de 13 representantes do movemento asociativo caboverdiano en España.