ATA FINAIS DE MES PÓDESE VER EN CATRO LOCAIS HOSTALEIROS DE BURELA A EXPOSICIÓN O TEU CAFÉ, BÓ PARA TODO O MUNDO. DIANA DURÁN SUBLIÑA QUE O OBXECTIVO É DIVULGAR E SENSIBILIZAR Á POBOACIÓN DA REALIDADE SOCIAL DO MUNDO QUE NOS RODEA.
Burela, 11 de outubro de 2012. En Burela pódese ver ata finais de mes unha exposición titulada O teu café, bó para todo o mundo. O obxectivo da mesa é “divulgar e sensibilizar á poboación da realidade social do mundo que nos rodea”, segundo explica a concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán.
O Concello de Burela, como socio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, en colaboración coa ONG Panxea apoian esta exposición. Durán sinala que “no mes de outubro celébrase en moitos países europeos a semana contra a pobreza e aquí en Galicia, grazas á axuda das diferentes ongs, podemos dar a coñecer distintas visións sobre o desenvolvemento socioeconómico e a grande diversidade de situacións que se dan no mundo actual”.
A edil de Servizos Sociais dixo que “desde Burela quixemos solidarizarnos coas persoas máis desfavorecidas e colaborar con esta campaña a través do noso programa de atención a inmigrantes. E eleximos a exposición O teu café, bó para todo o mundo. Trátase dun conxunto de 10 paneis de cartón pluma”. E engadiu que “debido á súa temática quixemos implicar á hostalería de Burela. Entón a exposición poderáse ver en varios locais”. Ata medidados de mes estará no bar Da Costa e no bar Estación e desde esa data e ata finais de mes poderáse ver no bar Valle de Oro e no Doner Kebab.
Diana Durán agradécelle “aos participantes nesta iniciativa a súa implicación e colaboración con nós. E animamos ao público a que se achegue a ver esta exposición”.