DO TRÁXICO MAR DE FOZ
“O HIDRO”, HAI 76 ANOS
Acaso non exista un só pobo do litoral que non vivira, ao longo da historia, o dramatismo da perda de vidas entre os seus mariñeiros. As forzas ceibes da natureza; os imprevistos nun camiño moitas veces ignorado; a falta de recursos para actuar ante o inesperado, etc.., fixo que o mar, tan engaiolante e tan cobizado, se voltase verdugo despiadado. Os accidentes laborais; galernas, temporais e naufraxios, e con eles a morte, tinguiron de mouro, e seguen a facelo, a vida das vilas mariñeiras.
Tódolos mares coñecen das traxedias nas súas augas. Feitos tristes que algúns quedaron no anonimato e outros, pola súa magnitude ou as circunstancias que os arrodearon, permanecen gravados, con trazos indelebles, na historia sinistra da vida mariñeira.
“O Hidro” era unha lancha que chegara a Foz en 1930, procedente de Laredo, onde Tristán “o vello” e Manuel Blanco Muinelo a mercaran. Chamábase “Nuestra Señora del Carmen”, pero as xentes deron en dicir que, pola velocidade sulcando as augas, máis ben parecía un hidroavión e de aí que todos a coñecesen por “ O Hidro”.
Na tardiña do 8 de outubro de 1936, hai xusto 76 anos, ao lusco-fusco, cando intentaba pasar a fatídica barra ata a Ribeira, con vinte bañeiras de sardiñas, envorcou preto da pena Rubia, quedando coa quilla para arriba. Dos oito tripulantes dous desapareceron: Tristán e José da Palmeira. Ao terceiro día apareceu Tristán nunha praia de San Cibrao e dez días despois José, avistado por un pescador de cana, nunha furada da costa, en Salave, preto de Tapia: curiosamente seguiran rumbos opostos. A profundidade dos cantís e a dificultade dos accesos fixeron que os veciños tivesen que realizar serios esforzos para levar a terra o cadáver de José que foi soterrado no minúsculo cemiterio de Salave.
Ás veces feitos tan lutuosos, dramáticos, dan pé a que se produzan episodios de fondo valor humano, solidario, e que as persoas, ao impulso de tal sentimento, arrisquen sen miramentos e mesmo se salten as leis para lograr mitigar a dor allea; foi este un deses casos: tempo máis tarde a nai do mariñeiro quixo recuperar os restos do fillo e intentouno cumprindo a legalidade, pero os trámites eran longos e moi custosos para economías de subsistencia e, por suxerencia do párroco, acordaron o seu traslado clandestino, para o que se contou coa complicidade da Garda Civil de Tapia e de Foz, non dándose por enterados da manobra, cando naqueles tempos bélicos, vixiaban acotío todo movemento na beiramar; circunstancias patéticas, que deron lugar a actitudes dunha grande xenerosidade, altruísmo e valor humano ..
Precisábase ademais unha embarcación disposta a asumir o grave risco da viaxe ilegal cun cadáver a bordo, labor ao que se prestou Xesús Lestegás, “ o Relámpago”, coa súa lancha “María”.
O desembarco do cadaleito fíxose no muro da vella farola da Rapadoira e trasladouse á casa do armador, en Marzán, onde os restos de José quedaron tres días alumeados por unha “mariposa” ata que foron depositados no cemiterio parroquial
A gratitude da nai durou por toda a vida; endexamais esqueceu a acción humanitaria, altruísta e arriscada do Relámpago.
Foi o do Hidro un episodio de fondo dramatismo do mar de Foz, e da súa malfadada barra, onde tantos homes do noso mar perderon a vida, e razón primeira que impide todo desenvolvemento portuario. A súa lembranza quedou fixada na memoria popular.
A lancha, á que se recortou o casco, dedicouse a carrexar xuncos dende A Espiñeira para estrar as cortes, e rematou a singradura no pudridoiro do Centiño, en Malates….
Suso Fernández
Cronista Oficial de Foz

















O Concello destaca a oportunidade que supón para impulsar a hostalaría local e felicita ás persoas galardoadas pola súa contribución á gastronomía asturiana.
Este texto é o froito de varios anos de investigación e convida profesionais da educación, terapeutas e persoas curiosas a descubrir como o traballo coa arxila libera traumas e favorece unha transformación persoal profunda. Ao remate do acto servirase un viño e un pequeno petisco.
A continuación, as persoas que desexen continuar a conversa e compartir un tempo de convivencia poderán anotarse á comida que se celebrará na Casa da Penela.
Pasados dez minutos das 15 horas deste martes, un particular alertou ao 112 Galicia dun coche envorcado fóra da vía en San Martiño de Ferreiros, Pol. Aconteceu no quilómetro 3 da LU-750, e a única persoa implicada permanecía atrapada no interior. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros actuaron para liberar á persoa, que foi evacuada en ambulancia polos profesionais sanitarios desprazados ata o lugar.
Unha comedia orientada para público infantil escrita e dirixida por Bea Campos. Hora: 18h.
O investigador achegarase a Ribadeo para falar sobre Urraca, considerada por moitos a emperatriz de todos os galegos e galegas. A entidade xa coñece o bo facer de Picallo, pois en anteriores ocasións participou como ilustrador nas presentacións das novelas Ao sur da liberdade e Entre a vontade e o destino, de Xosé Henrique Costas, deixando unha excelente impresión. Nesta ocasión, o público poderá escoitar ao Picallo historiador, que achegará novos datos sobre o reino de Galiza, unha realidade histórica que durante anos permaneceu agochada e que hoxe se recupera grazas a publicacións e investigacións como a súa.
Ofreceranse as seguintes modalidades e horarios: adestramento de forza/funcional os luns e mércores ás 9.00 horas; pilates os luns e mércores ás 11.00 horas; e TRX os martes e xoves ás 9.00 horas. A inscrición e a información sobre estes cursos realizarase na recepción da Piscina Municipal. Ademais, durante este mes habilítase a opción de proba gratuíta.



