ERMIDA TILDA DE DECEPCIONANTE E ELECTORALISTA A VISITA DO MINISTRO DE INDUSTRIA A ALCOA
“As declaracións de Soria pretenden ser un xeito de eludir responsabilidades para no caso de que Alcoa decida pechar as súas instalacións”
O BNG da Mariña segue a reclamar unha solución que garanta o futuro da alumieira na comarca e os máis de 2.000 empregos que xera
2 de outubro de 2012. A candidata do Bloque Nacionalista Galego ás eleccións do 21-0, Ana Ermida, tilda de ‘decepcionante e electoralista’ a visita do ministro de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria, á factoría de Alcoa en San Cibrao e insiste en que continúan no ar miles de postos de traballo.
“O ministro veu á Mariña a facerse a foto, a facer unha nova declaración de intencións e a tentar salvar o papel do Goberno de Mariano Rajoy, pero non puxo sobre a mesa ningunha solución que garanta a viabilidade da planta na comarca. Para o único que serviu a visita do ministro foi para incrementar a incertidume sobre o futuro da factoría e dos máis de 2.000 empregos que están en xogo.” – puntualiza Ermida.
Para o BNG da Mariña as declaracións do ministro afirmando que ‘la energía no será un problema para que Alcoa siga en España’ pretenden ser un xeito de evitar asumir responsabilidades no suposto de que a alumieira decida pechar as súas instalacións. Neste senso, Ermida denuncia que “por moito que o Partido Popular se empeñe en desentenderse deste problema, un dos máis importantes de Galiza neste momento, se chega a perderse un só posto de traballo haberá tres claros responsables, o presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, o ministro de Industria, José Manuel Soria e o presidente da Xunta, Núñez Feijóo.”
Mobilización
Desde o BNG da Mariña chaman á cidadanía a mobilizarse o vindeiro xoves, 4 de outubro, ás 20:00 horas, en Foz, en defensa do emprego en Alcoa e en todas as empresas da comarca.
Ana Ermida asegura que ‘Galiza e a A Mariña merecen e precisan dun goberno comprometido coa terra, con plans de acción para crear emprego, preocupado dos intereses dos galegos e das galegas e en buscar solucións aos problemas da xente e non por facer declaracións baleiras e promesas que logo nunca son cumpridas”.