AXENDA ESIXENTE EN BARCELONA E ZARAGOZA, COA AUSENCIA DOS CAPITÁNS
A axenda laranxa incrementa as esixencias. O Burela FS Pescados Rubén disputará esta semana dobre xornada a domicilio, fronte ao FC Barcelona Alusport (mércores, Palau Blaugrana, 20.45 horas) e Umacón Zaragoza (venres 5, Siglo XXI, 21.00 horas), coa ausencia dos capitáns, lesionados. A Juanma, apartado das pistas por unha doenza costal dende hai un par de semanas, confirmóuselle unha hernia discal; o corpo médico decidirá nos próximos días o protocolo de tratamento. Tamén se está sometendo a diferentes probas Edu, co fin de concretar o alcance da lesión de xeonllo que sufriu no tramo final da cita ante o Triman, o sábado pasado.
O cadro mariñán, que chegou esta mañá á cidade Condal coa incorporación dos xuvenís Antón, Fabio e Erik na expedición, adiantará a 5ª xornada a mañá fronte “a unha das potencias mundiais do fútbol sala” segundo o cualificou Julio Delgado, que ocupa a terceira praza, tras as vitorias sobre Triman Navarra (3-2) e Zaragoza (4-0) e o empate co Santiago Futsal (1-1). O encontro poderá seguirse por Barça TV e Esport 3.
“Temos dúas citas moi difíciles esta semana. Somos realistas, pero tamén optimistas porque estamos medrando partido a partido e iso dános confianza para dar a cara ante calquera rival” expresou Julio. O técnico laranxa amósase satisfeito co rendemento dos mariñáns, na aclimatación á máxima categoría: “A sensación que nos quedou tras o sábado, ante os navarros, foi a do traballo ben feito; fixemos un partido moi completo, tanto en xogo coma en intensidade, aínda que o resultado non foi xusto. O marcador puido caer de calquera lado; nós apostamos polo porteiro-xogador porque o empate sabía a pouco e ao final escapóusenos” analizou o estratega.
Tras a dura proba en Barcelona, o Burela FS medirase na 4ª xornada a un rival que comezou a liga vencendo ao Marfil Santa Coloma (6-3), aínda que non lle deron tan ben nin o Triman (3-2), nin o Barça (4-0). “Ata o xoves, non pensaremos no Zaragoza, un encontro no que o maior hándicap será o desgaste, no terceiro partido en menos dunha semana”, puntualizou Julio Delgado, facendo referencia ao último asalto da semana.