O VINDEIRO LUNS, 29 DE OUTUBRO, OS PROPIETARIOS DAS FINCAS RESULTANTES DO PROCESO DE REPARCELACIÓN DA UNIDADE DE TORRENTES RECIBIRÁN TODA A DOCUMENTACIÓN QUE OS ACREDITA COMO TAL. O ALCALDE AMÓSASE SATISFEITO POR PECHAR UN PROCESO QUE NON FOI SINXELO.
Burela, 26 de outubro de 2012. O vindeiro luns, 29 de outubro, ás 20 horas no auditorio da Casa da Cultura de Burela terá lugar o acto de entrega das separatas da documentación rexistral de todas e cada unha das fincas resultantes do proceso de reparcelación da unidade de Torrentes, segundo anunciaba este mediodía o alcalde.
José María González Barcia lembrou que “esta unidade de actuación botou a andar no ano 2005. As obras foron adxudicadas na nosa etapa anterior no equipo de goberno do Concello, en abril de 2007, e cando voltamos as obras estaban sen rematar. O peor é que no rexistro da propiedade de Viveiro durante os catro anos do bipartito burelés non se movera nin un só papel para resolver e poñer ao día a documentación que os propietarios teñen que ter para que acredite a propiedade das fincas resultantes”.
O alcalde burelés subliñou que “o vindeiro luns se entregará toda a documentación que acredita de forma fiel a propiedade das distintas fincas. Aí se incorpora tamén o número de identificación catastral de cada unha das fincas resultantes e o que está a facer o Concello desde este momento é recoller toda a documentación para levarlla ao catastro e así que os propietarios teñan tanto no rexistro coma no catastro a documentación e a propiedade perfecta e absolutamente acreditada”.
Para o equipo de goberno “esto significa pechar un proceso que non foi sinxelo. O proceso de inscrición das fincas no rexistro da propiedade comenzámolo a finais do verán pasado, hai algo máis dun ano, e tivo os seus avatares porque houbo que modificar a documentación entregada en principio, houbo que engadir novos datos…”. González Barcia indicou que “para nós é unha satisfacción poder entregar esta documentación, estas separatas, ás veces mal chamadas escrituras, pero así ao mellor é máis fácilmente entendible pola xente, porque a partires de agora cada propietario terá total acreditación da súa propiedade aos efectos que consideren oportunos”.
Ao acto do vindeiro luns, 29 de outubro, os propietarios desas fincas da unidade de Torrentes deberán levar o documento nacional de identidade.