O Concello manifesta o seu rexeitamento á violencia de xénero coa colocación dun lazo violeta na fachada do consistorio
-Durante esta semana haberá un mural na Casa da Cultura no que todas as persoas que o desexen poderán deixar a súa mensaxe en contra da violencia machista
Cervo, 22 de novembro de 2012-O Concello de Cervo quere sumarse á conmemoración do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero manifestando o seu rexeitamento a esta lacra social. Para transmitir este sentimento colectivo, a administración local colocou un lazo violeta de 10 metros na fachada principal do consistorio. Mañá venres está previsto que a corporación garde un minuto de silencio en mostra de agarimo e solidariedade coas vítimas e as súas familias.
“O lazo violeta permanecerá durante toda esta semana pendurado na fachada da Casa do Concello como símbolo da loita contra a violencia de xénero e o rexeitamento de toda a sociedade aos abusos e as vexacións que sofren moitas mulleres e que teñen que rematar” manifesta a edil de Igualdade, Pilar Armada.
Ao mesmo tempo, o Concello puxo ao dispor da cidadanía un mural en branco que se poderá encher con mensaxes contra a violencia machista e que está situado na Casa da Cultura de San Ciprián. Outra das iniciativas postas en marcha é a convocatoria do VI Concurso de narración “Carta a un maltratador”. O prazo está aberto ata mañá venres e para participar só hai que entregar unha ou máis cartas, cantas desexe o autor, nas que se inclúa unha mensaxe dirixida a un suposto maltratador. No mes de decembro darase a coñecer o nome do gañador, que recibirá un vale de 100 euros para gastar en establecementos do municipio.