O Concello destinará 40.000 euros ao saneamento de Trasbar co que se porá en marcha a EDAR
-A estación depuradora xa está construída e preparada para entrar en funcionamento cando exista carga
Cervo, 23 de novembro de 2012-O Concello de Cervo anunciou hoxe que destinará 40.000 euros á rede de saneamento do núcleo de Trasbar. En concreto, instalarase un colector de 900 metros que prestará servizo a un grupo de veciños deste burgo pertencente á parroquia de Castelo. Con esta obra, a administración local segue dando pasos para dotar dunha rede de canalización de augas residuais completa a este núcleo cervense. “Dende o goberno local continuamos coa nosa aposta por eses servizos básicos para a cidadanía e que nos permiten seguir avanzando para garantir o benestar á veciñanza” explica o alcalde, Alfonso Villares.
Cabe destacar que unha vez rematados os traballos de instalación, porase en funcionamento a EDAR. Esta depuradora xa se atopa construída e preparada, só á espera de contar con carga para poder traballar. Deste xeito, o colector permitirá o arranque da estación depuradora, onde estiveron o rexedor, a edil de Obras, Pilar Armada, o de Zona Rural, José Ramón Soto así como o encargado de obras. Rexedor e concelleiros comprobaron que a EDAR se atopa en perfectas condicións para comezar a traballar en canto as obras estean rematadas.
A colocación do colector está presupostada en 40.000 euros, dos cales o Concello investirá 27.300 euros, máis do 60% do custo total. Os 12.700 restantes achegaraos a Deputación a través do Plan de Obras e Servizos (POS).