O goberno de Cervo lamenta que o PSOE non entenda as medidas de aforro enerxético que se están aplican en toda Galicia
Cervo, 24 de novembro de 2012-O goberno de Cervo considera “un absurdo” as críticas do PSOE en relación á política de redución do gasto enerxético que se está levando a cabo dende o Concello. O executivo local asegura que “estamos traballando para intentar que a factura eléctrica que temos que asumir non aumente, e para iso estamos aplicando varias medidas complementarias e totalmente compatibles”.
O grupo de goberno non entende que os socialistas critiquen o plan de mellora enerxética que se puxo en marcha hai un tempo. “Foi moi útil e serviu para estabilizar o gasto en enerxía ao que se enfronta o consistorio, pero o prezo da luz segue subindo e temos que dar máis pasos, non podemos quedarnos quietos” explica o grupo de goberno, “por iso tomamos a decisión de reducir o número de luminarias que permanecen acendidas”.
En todo caso, esa diminución “estase realizando con sensatez e o máis importante, sempre falando cos veciños, dialogando con eles, preguntándolles se están de acordo e, se nos din que non, esa luz non se apaga”. O executivo local explica que “a veciñanza entende que a factura da luz é un gasto moi elevado que ten que afrontar o Concello. Unha comprensión da que carece o grupo socialista”. “O PSOE de Cervo é o único que semella non darse conta do moito que supón a factura da luz, e iso a pesar de que eles mesmos organizan charlas na súa sede sobre asuntos eléctricos, das que parecen non ter aprendido nada” engade o goberno municipal.
“Unha vez máis o PSOE tira da súa única ferramenta de oposición, a demagoxia, para tentar sacar partido dun problema real que está poñendo de acordo á maioría de concellos de Galicia que, independentemente da súa cor política, coinciden en apagar luminarias obrigados pola situación” remata o grupo de goberno.