O Concello de Cervo destinará un 81% máis ao fomento do emprego e un 20% máis a servizos sociais
-O gasto corrente en servizos sociais e educación, e o investimento en emprego representan o 15% do orzamento
-As arcas públicas gozan de boa saúde tal e como indican o equilibrio e a estabilidade orzamentaria e o déficit cero acadados
-O orzamento do ano que vén non contempla a subida dos impostos
Cervo, 28 de novembro de 2012-O Concello de Cervo vén de presentar os orzamentos do ano 2013 ante a comisión especial de contas. Uns presupostos que ascenden a 4,9 millóns de euros e que o goberno local definiu como “prudentes, realistas e que dan continuidade a un proxecto para garantir a prestación dos servizos coa mesma calidade”. O grupo de goberno engadiu que “a estabilidade orzamentaria e a capacidade de autofinanciamento” tamén caracterizan este documento, que será debatido en pleno a semana que vén. Deste xeito, cumprirase o obxectivo de ter aprobado inicialmente o texto antes do 1 de xaneiro.
Os orzamentos de 2013 son unha clara aposta polas áreas estratéxicas e directamente relacionadas co benestar da cidadanía, como son o emprego, os servizos sociais ou a educación. Unhas partidas que en conxunto representan o 15% do total do orzamento. Nos tres casos, os importes destinados aumentan con respecto ao 2012.
No tocante á prestación dos servizos sociais, o gasto corrente chegará aos 378.000 euros, o que representa unha subida do 20% en comparación co 2012. No caso da educación, a contía ascenderá aos 252.000 euros. En ambos casos hai que especificar que se trata exclusivamente do gasto corrente destinado a ambas áreas, restando os importes previstos para investimentos en infraestruturas.
O fomento do emprego é outra das áreas básicas, que neste exercicio ve incrementado o seu investimento nun 81%, chegando aos 65.000 euros. Cabe destacar que nesta partida non se inclúen os ingresos que percibirá o Concello para o Obradoiro de Emprego, a pesar de que o obradoiro está aprobado e se levará a cabo con total seguridade. Aínda así, este xesto responde ao principio de prudencia e realismo que o Concello aplica a todo o orzamento. Isto significa que todas as estimacións de ingresos contempladas nas contas baséanse en cifras de mínimos. Deste xeito garántese que os ingresos previstos se adecúan á realidade, podendo ser en todo caso máis elevados e pero nunca máis reducidos do previsto.
Na elaboración dos orzamentos tamén se fixou unha liña de continuidade que permita seguir prestando os mesmos servizos e co mesmo nivel de calidade, así como acometer actuacións e investimentos que o grupo de goberno considera que deben manterse. Así, as partidas destinadas a promoción cultural (121.300 euros) ou deportes (327.100 euros) sitúanse nuns niveis semellantes aos do exercicio de 2012.
Outro dos datos máis destacables e que máis repercuten na cidadanía é a política impositiva que porá en marcha o Concello. Neste caso, o executivo local manifestou o seu compromiso de non subir os impostos durante o ano que vén. Pero o grupo de goberno vai máis alá destes orzamentos avanzando a súa intención de non subir impostos durante os tres vindeiros anos, é dicir, dende o 2013 ata o 2015 incluído. Ao mesmo tempo, o goberno municipal poderá plantexarse a posibilidade de non efectuar a actualización de taxas e ordenanzas en base ao IPC, aínda que esta decisión será valorada no seu momento, sendo necesario deixar claro que o axuste ao IPC non é unha subida de impostos, senón unha adaptación ao índice que marca os prezos en España.
Estabilidade orzamentaria
O cumprimento coas esixencias económico-financeiras que establece a lexislación para sanear as contas públicas tamén estivo moi presente nas previsións de gasto. Segundo informou o goberno municipal, estas contas cumpren co establecido na Lei de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira na que se deben basear todas as administracións. Isto significa que o Concello goza da estabilidade e o equilibrio orzamentario que se lles esixe ás entidades locais.
Outro dos datos que falan da boa saúde das arcas públicas é a capacidade de financiamento. Isto significa que o Concello dispón de recursos propios para facer fronte ás súas obrigas e afrontar os custos dos servizos sen necesidade de financiamento externo.
“Estamos satisfeitos cos orzamentos previstos para o ano 2013, especialmente tendo en conta as dificultades que atravesa o Estado. O noso principal obxectivo era seguir prestando servizos públicos de calidade e evitar que sexa a cidadanía a que pague as consecuencias” explica o goberno local, “e ao mesmo tempo garantir a estabilidade como mellor forma de seguir gozando de recursos públicos para investir en beneficio dos cervenses” remata o grupo de goberno.