TERESA GONZÁLEZ AGRADECE AS INICIATIVAS QUE COLECTIVOS, ASOCIACIÓNS E PARTICULARES FIXERON DURANTE TODO O ANO PARA AXUDAR ÁS FAMILIAS MÁIS NECESITADAS DO CONCELLO.
Ribadeo, 28 de decembro de 2012. A Concellaría de Servizos Sociais canalizou ao longo do ano as axudas que colectivos, asociacións e particulares anónimos quixeron aportar para as familias máis necesitadas do concello. En total na actualidade son máis de 100 as unidades familiares que reciben este apoio en Ribadeo.
Teresa González Piñeiroa agradece as iniciativas levadas adiante e a colaboración de todos eles “para cubrir as necesidades básicas de moitos veciños e veciñas de Ribadeo”. A concelleira de Servizos Sociais tivo palabras de recoñecemento “para os bombeiros do parque comarcal de Barreiros polo traballo que realizaron. Eles doáronnos pescadas e alimentos, que distribuímos para a cea de noiteboa. Temos tamén en Ribadeo unha firma de agricultura ecolóxica que nos da alimentos todas as semanas. Hai xente anónima que planta hortalizas de máis para despois doalas ao Concello e así repartilas entre as persoas que están a pasar por unha situación delicada”.
A edil nacionalista tamén lembrou o convenio asinado hai meses coa Fundación Alimerka “a través do que recibimos catro días á semana os excedentes de bolería”. No equipo de goberno están moi satisfeitos coa acollida que tiveron entre os ribadenses as diferentes iniciativas que se organizaron nas últimas semanas e nos últimos días. Teresa González aludiu á recolecta de alimentos típicos de nadal realizada pola Escola Municipal de Música e Danza e aos 700 euros recadados no Centro de Formación Integrada Porta da Auga “que se destinarán á compra de produtos para a infancia”.
A concelleira de Servizos Sociais anunciou que “agora tamén estamos a colaborar coa ONG Amarante e cos distintos grupos musicais da localidade nos concertos e mercadiños solidarios que se celebran esta fin de semana” e subliñou “a solidaridade do pobo ribadense durante todo ano e tamén nesta datas de nadal. Os recursos municipais son moi limitados e o que tentamos é encauzar as achegas do mellor xeito posible para beneficio das familias más necesitadas”.