As descalificacións persoais amosan unha “moi dubidosa” moralidade do rexedor nacionalista
López Penabad lembra que o único culpable da perda dun obradoiro de emprego para Ribadeo é Súarez Barcia, que actuou con total “incompetencia” castigando aos desempregados da localidade
• O presidente do PP local lamenta as evasivas do alcalde de Ribadeo que se escuda no ataque a súa persoa no lugar de dar a cara e explicarlles aos veciños da “súa culpabilidade” pola non concesión dun obradoiro de emprego á localidade
• O popular explica que o rexedor nacionalista presentou tarde e de xeito incompleto a documentación o que conlevou un desestimento da axuda da Xunta ao arquivo do expediente
Lugo, 4 de xaneiro de 2013.- O presidente do Partido Popular de Ribadeo, Jesús López Penabad, lembra que o primeiro e único culpable da perda dun obradoiro de emprego para a localidade é o rexedor nacionalista, Fernando Suárez Barcia. O popular lamenta que o alcalde se centre en lanzar á prensa descalificacións persoais que amosan unha “moi dubidosa” moralidade do nacionalista, no canto de centrarse na súa xestión de goberno e darlles as explicacións oportunas aos veciños sobre os motivos que conlevaron a non concesión do obradoiro de emprego.
Dado que o rexedor nacionalista non foi quen de dar a cara e explicarlles aos veciños de Ribadeo os motivos que conlevaron a perda de obradoiro, López Penabad asume esa función e asegura que o alcalde presentou tarde e de xeito incompleto a documentación que se lle requiriu o que supón un desestimento da axuda da Xunta o arquivo do expediente.
Penabad lamenta que mentres ao resto dos concellos lles fora notificada a resolución; o alcalde nacionalista non foi quen de interesarse polas razóns da non chegada desta axuda da Xunta, tal e como si se fixo dende o Partido Popular tras comprobar que Ribadeo non formaba parte da lista dos concellos beneficiarios.
López Penabad esíxelle ao rexedor local “maior responsabilidade” na súa xestión xa que a súa total ”incompetencia” no seguemento dos trámites administrativos oportunos para a concesión do obradoiro está a castigar aos desempregados de Ribadeo
O popular recórdalle ao rexedor nacionalista que o proceso de selección para os obradoiros de emprego é “claro, público e conta coas máximas garantías”, polo que lamenta as acusacións que poñen en dúbida a contratación de López Penabad, garantida polos seus propios méritos e titulacións; así como o ataque persoal posto de manifesto cara a súa persoa.
O presidente popular local denuncia que Suárez Barcia incorra ata tres veces en “irresponsabilidades” como político, xa que nin solicita en tempo e forma o obradoiro de emprego; nin dá explicacións aos veciños sobre o acontecido; ademais de entrar en descalificacións políticas.
López Penabad lamenta que os grandes prexudicados dunha xestión caracterizada pola “deixadez e a despreocupación nas súas funcións de rexedor” sexan os desempregados que non puideron optar a unha contratación durante seis meses e xa non o farán polo erros do alcalde de Ribadeo. Así, lamenta que o nacionalista “bote balóns fora” cando Suárez Barcia é o “primeiro responsable” da non concesión do obradoiro e pide que dea a cara xa que “é plenamente consciente de que fixeron as cousas mal”.