A CORPORACIÓN MUNICIPAL ESTREOU HOXE NOVA UBICACIÓN PARA OS PLENOS. NA SESIÓN APROBOUSE A MODIFICACIÓN DO REGULAMENTO DO PUNTO DE ATENCIÓN Á INFANCIA E A DECLARACIÓN DO 2013 COMO ANO DE FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO.
Lourenzá, 15 de febreiro de 2013. No pleno ordinario da corporación municipal de Lourenzá que se celebrou hoxe os concelleiros estrearon nova ubicación para as sesións, no salón de actos da Casa do Concello, e aprobaron a declaración de 2013 como ano dedicado a Francisco Fernández del Riego, con motivo do centenario do seu nacemento. Tamén acordaron modificar o regulamento do punto de atención á infancia “para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral”, explicou a portavoz do goberno municipal, Lupe Flórez.
“Cambiamos o salón de plenos que víñamos usando tradicionalmente nos últimos anos para o salón de actos. Desta maneira queremos ubicar unha serie de dependencias para darlle unha maior funcionalidade á oficinas municipais”, comentou Lupe Flórez, quen deu a coñecer tamén que o pleno ordinario celebrado hoxe empezou con un minuto de silencio “en recordo do que fora o primeiro alcalde da democracia no noso Concello, José María López Noceda” e o pleno municipal acordou trasladar unha felicitación ao cociñeiro laurentino Iago Castrillón, propietario do restaurante Acio, de Santiago, quen “ven de ser recoñecido no certame Madrid Fusión 2013 como cociñeiro revelación”.
A portavoz do equipo de goberno municipal destacou ademais a aprobación da modificación do regulamento de réxime interno do punto de atención infancia laurentino. “Os aspectos aos queremos dar maior relevancia son aqueles que, a proposta do equipo de goberno, veñen a facilitar a conciliación da vida familiar e laboral. Son basicamente o novo horario, que se leva a cabo de maneira ininterrompida de oito da mañá a oito da tarde, doce horas diarias sen pechar a mediodía dende o 1 de febreiro. E, por outra banda, a posibilidade de ofertar a comida de mediodía a aqueles usuarios que así o desexen de maneira expresa. Como non temos servizo de cociña será aportando a comida, o menú diario, por parte das familias”, explicou Lupe Flórez, quen tamén resaltou que este asunto foi aprobado por unanimidade.
No pleno tamén se aprobou de maneira unánime polos nove concelleiros que asistiron á sesión a moción do goberno municipal para declarar o 2013 como ano de Francisco Fernández del Riego en Lourenzá. “Tendo en conta que foi o primeiro fillo predilecto que declaramos no Concello queremos ter un recoñecemento coa figura dun laurentino ilustre como foi don Paco del Riego. E basicamente unha vez estruturada a biografía e os feitos máis relevantes da vida de don Paco del Riego tratamos de establecer unha serie de datas significativas ao longo deste 2013: a primeira delas xa se levou a cabo o día da conmemoración do centenario do seu nacemento, o 7 de xaneiro, e as outras repartiranse ao longo do ano en datas significativas na vida e obra de Francisco Fernández del Riego, como poden ser as do seu pasamento, do seu nomeamento como fillo predilecto do Concello de Lourenzá e a inauguración da sala que leva o seu nome na biblioteca pública municipal e, por outra parte, o Día das Letras Galegas, do que el foi un dos principais impulsores”, explicou a voceira do goberno local.
Tamén foi aprobada na sesión plenaria de hoxe a moción presentada pola plataforma de afectados polas participacións preferentes das entidades bancarias, aínda que neste caso cos votos favorables dos concelleiros da oposición (PSOE e BNG) e coa abstención dos edís do goberno municipal popular. Sobre este asunto Lupe Flórez manifestou que “neste aspecto nosoutros, como equipo de goberno, propoñiamos que se votase por puntos a moción presentada pola plataforma, opción rexeitada polo membro do Bloque Nacionalista Galego, o que nos obrigou a absternos na totalidade da votación dos puntos da moción. Desde o equipo de goberno quixemos que constara en acta que si votaramos por partes estariamos a favor de apoiar os dous primeiros puntos da iniciativa, que fan referencia á axilización da arbitraxe e que nos absteríamos no terceiro e cuarto puntos, que son nos que diferimos coa devandita plataforma. Estes puntos facían referencia, por unha parte, á xeneralización da xustiza gratuíta para todos os afectados por preferentes e nós cremos que dentro dos pequenos aforradores que non quixeron especular cos seus cartos si hai un pequeno grupo de xente que ten posibilidades económicas e que o que realmente fixo foi especular co seu diñeiro e cremos que non é xusto que se estenda a xustiza gratuíta para ese mínimo porcentaxe de afectados. E, por outra banda, o aspecto referente ás quitas, no que cremos que unha vez estendido o sistema de arbitraxe en certa medida aquel aspecto económico que xa foi beneficioso durante os anos que estiveron cobrando os beneficios desas participacións preferentes exista esa quita e non sexa devolto o cen por cen dos aforros”.


















A mostra inaugúrase o luns 19 de outubro ás 12.00 horas na Casa da Cultura, onde permanecerá aberta ao público ata o 19 de novembro. A iniciativa, promovida polo Concello, ofrece unha selección de obras nas que o artista explora a cor, a luz e a expresión contemporánea, consolidando a súa traxectoria dentro deste movemento artístico.
Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.



