A Deputación de Lugo, exemplo en España na xestión de fondos europeos.
A Deputación de Lugo participa hoxe en Madrid no “Programa Ejecutivo en Liderazgo Público”, unha xornada que versa sobre a xestión eficiente das administracións públicas, organizada polo Centro de Innovación do Sector Público da Fundación PwC e IE Businss School. É unha prestixiosa entidade no país, que trata de amosar ás institucións solucións para unha óptima xestión, que redunde no beneficio dos cidadáns.
O organismo provincial foi convidado a esta cita como exemplo en España da xestión que realizan as administracións dos fondos europeos, tras coñecer que a institución luguesa foi premiada pola Unión Europea con 25 millóns de euros, converténdose na 5º entidade local no país que máis fondos comunitarios recibiu na última convocatoria, debido ós resultados dos proxectos que a Deputación de Lugo desenvolveu nesta provincia cos cartos que recibiu da UE para 2007-2011.
O Secretario da institución luguesa, José Antonio Mourelle Cillero, é un dos participantes no “Programa Ejecutivo en Liderazgo Público”, xunto a outros profesionais da administración, como o Subsecretario do Ministerio de Presidencia, Jaime Pérez Renovales, que abordará a reforma do sector público.
Durante a xornada trataranse, ademais, os seguintes temas: liderado nas administracións; retos do Estado ante a globalización; economía e finanzas nun novo contexto; relacións das institucións públicas; análise das políticas públicas; cambios nas áreas da administración do século XXI; e modelos de entidades públicos con futuro para superar o cambio.