Daniel Ladra Fernández.- Esta semana escoitei o programa Proxecto Neo, en Radio Burela, e quero con estas liñas felicitar ós entrevistadores, á produción do programa e, en fin, a todos os que fan posible esta emisión de radio que chega a miles de fogares. Incluso a Londres, onde eu estou.
Se abro o meu corazón e son sincero, debo dicir que me emocionei escoitando a entrevista a Julio Delgado, xa que este deportista é un referente para min. Crecín véndoo xogar no desaparecido Cefire F.S. e agora sígoo como adestrador dun club -o Burela F.S.- do que formei parte nestes anos atrás e dos que gardo grande recordo e cariño.
É ben certo que hai poucos anos que nos coñecemos, mais todas as veces que tiven a oportunidade de coincidir con el -dentro e fóra dun pavillón- foron realmente agradables e sobre todo valiosas, xa que de Julio pódese aprender moitísimo.
Quero darlle as grazas polas palabras cariñosas que me dedicou e facerlle saber que a miña experiencia, primeiro no London United e agora no Baku United, está sendo satisfactoria e positiva. Unha das cousas que sempre admirei de Julio é a súa competitividade. Do pouco que o coñezo, sei que non lle gusta perder a nada; e a min pásame o mesmo. Cheguei cunha idea a Londres e agora pola miña cabeza non pasa outra cousa que non sexa ser campión de Inglaterra.
De verdade que moitas grazas a todos: a Julio Delgado, ao Burela F.S. e a Proxecto NEO.
PROTAGONISMO NEO!
Daniel Ladra Fernández
(Adestrador do Baku United)