Ribadeo, 14 de febreiro de 2013.- O presidente do Partido Popular de Ribadeo, Jesús López Penabad, lamentou as actuacións levadas a cabo por membros do goberno local e por cidadáns, orquestrados polos primeiros, para levar a cabo feitos sen xeito e sen sentido.
Relata López Penabad que no día de onte, representantes do goberno municipal, levaron a cabo unha pegada de carteis pola praza de abastos e polo mobiliario urbano de Ribadeo nos que se podían ler mensaxes totalmente fora de contexto e que pretendían xerar unha gran alerta nos ribadenses con respecto a un tema tan delicado como é o dos desafiuzamentos.
“Partindo da base de que todos éramos coñecedores de que o goberno central ía incorporar a iniciativa cidadá antidesafiuzamentos, políticos municipais colocaron carteis con mensaxes fora de contexto e varias persoas, orquestradas, achegáronse a sede do noso partido, aproveitando a desgraza e molestando, cos seus berros, aos veciños, a quen tamén lles faltaron ao respecto”- revela López Penabad.
O popular denunciou esta falta de ética política, nun tema especialmente sensible e lembra que foi este goberno o primeiro que iniciou as medidas xustas, realistas e eficaces contra os desafiuzamentos e que agora incorpora propostas da cidadanía.