Como puxo de relevo a Carta Europea da Muller: “A discriminación, os estereotipos educativos, a segregación do mercado laboral, o emprego precario, o traballo a tempo parcial involuntario e a distribución desequilibrada de responsabilidades dos coidados familiares con respecto aos homes afectan ás opcións de vida e á independencia económica de numerosas mulleres”.
É indiscutible que a igualdade entre mulleres e homes ten un impacto positivo no crecemento económico, no emprego e na produtividade das empresas, e é imprescindible para mellorar as taxas de emprego, a competitividade e a cohesión social.
Malia que se produciron avances, as mulleres aínda teñen baixas taxas de actividade, traballan máis a tempo parcial que os homes e abundan máis nos traballos e sectores menos valorados, en xeral están peor remuneradas e ocupan un número menor de espazos de responsabilidade no ámbito laboral.
A discriminación salarial é un dos máis flagrantes exemplos da desigualdade entre mulleres e homes que, aínda hoxe, persiste no mercado laboral.
Existe unha brecha salarial entre homes e mulleres. En España as mulleres perciben un salario anual en torno a un 20 por cento inferior ao dos homes por traballos iguais ou de igual valor.
Ademais, as dificultades de conciliación no ámbito laboral e familiar seguen afectando en maior grao ás mulleres, e son moitas as que se ven obrigadas a renunciar a proxectos persoais e laborais.
Mulleres e homes deben ter as mesmas oportunidades de desenvolver o seu proxecto vital e de facelo en condicións de igualdade.
Debemos progresar no desenvolvemento dun modelo de organización social máis aberta.
Por todo o anterior, o Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Viveiro eleva ó Pleno a adopción dos seguintes acordos:
1. Instar ós concellos de Galicia á elaboración e desenvolvemento de plans de igualdade, e a impulsar a transversalidade de xénero no eido local, de xeito que se garantan políticas públicas das que mulleres e homes se beneficien de forma equivalente e contribuíndo ó progreso e benestar da sociedade galega.
2. Instar ó Goberno do Estado e ó Goberno da Xunta de Galicia, a que leven a cabo Programas de apoio empresarial a mulleres co obxectivo de fomentar o emprendemento feminino e o autoemprego.
3. Instar ó Goberno do Estado, a que neste ano 2013 elabore un Plan Estratéxico contra a Discriminación Salarial entre mulleres e homes, co fin de identificar e erradicar a inxusta e inxustificable brecha salarial.