Ribadeo, 28 de febreiro de 2013. A Concellaría de Desenvolvemento Local de Ribadeo organizou un programa de formación dirixido ao sector empresarial, que se desenvolverá ao longo deste 2013. Na primeira fase vanse impartir tres cursos destinados ao sector turístico. O primeiro deles terá lugar o vindeiro luns, 4 de marzo, na Casa da Xuventude de 16:30 a 20:30 horas e no que se abordarán cuestións coma a comercialización e a auditoría de impacto.
A edil nacionalista Ana Martínez dixo que “como resultado das mesas microsectoriais levadas a cabo co sector turístico onde participan hoteis, restaurantes e actividades de ocio a Concellaría de Desenvolvemento Local e Turismo presenta as primeiras accións dentro do programa de formación dirixido ao sector empresarial que se desenvolverá durante este 2013. Este programa terá como fin principal capacitar e incidir na mellora da competitividade deste sector e adecuarse ás novas necesidades da sociedade”.
A primeira fase está destinada ao sector turístico e nela están programados 3 cursos. A concelleira de Desenvolvemento Local explicou que “o primeiro deles denominase Curso turis-tic e está relacionado co sector turístico e as novas tecnoloxías. Vaise desenvolver o luns, 4 de marzo, na Casa da Xuventude (sala Sonda Norte) en horario de 16:30h a 20:30 hora e onde se lle ofrecerá ao sector turístico (hoteis, restaurantes e empresas de ocio) as ferramentas necesarias para a promoción e comercialización a través de Internet e os seus produtos. Durante a xornada tocaranse cuestións relacionados coa comercialización, onde se darán as claves e os conceptos básicos que calquera empresa debe ter presentes se quere dar o paso nun bo uso de Internet. Tamén se coñecerán as distintas ferramentas de Internet para a promoción, así como novos modelos de venta en liña e as claves a ter en conta para vender”. E engadiu que “neste primeiro curso tamén se falará da auditoría de impacto, analizándose a presenza en Internet das empresas asistentes ao seminario. Neste sentido os asistentes poderán traer soportes impresos nos que se use a súa imaxe ou liña de comunicación, e as URLS das webs a analizar ou dos seus perfiles nas redes”.
Para participar tanto neste curso coma nos seguintes que se levarán adiante é preciso inscribirse na Área de Desenvolvemento Local do Concello de Ribadeo.
O seguinte curso terá unha duración de doce horas e impartirase os días 20 e 21 de marzo e 3 e 4 de abril de 17 a 20 horas na Casa da Xuventude. O número de prazas é limitado a 20 persoas. Este denomínase Curso de atención ao cliente. O camiño cara a excelencia. Ana Martínez sinalou que “nun mercado cada vez máis competitivo, o camiño cara a excelencia nas relacións co cliente é a clave da diferenciación e o éxito na xestión do noso negocio. Mediante este curso os alumnos poderán comprender e acometer unha atención ao cliente máis profesional e personalizada, na busca da súa satisfacción e na continúa procura da fidelización deste. Comprender de forma máis eficaz as necesidades que este ten, e cubrilas da mellor maneira posible cunha atención individualizada. Coñecer as regras básicas do día a día, os novos canais de comunicación, o novo perfil de consumidor e as súas demandas así como perseguir en todo momento unha máis profesional comunicación e relación cos clientes , son as bases sobre as que se asenta este curso”.
E o terceiro curso é o denominado Coñece Ribadeo para promover a mellora da información turística local. A concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo explicou que “está dirixido a mellorar a información sobre os recursos turísticos locais e a potencialidade dos profesionais que operan no sector turístico a nivel local. Non debemos esquecer que os primeiros informantes turísticos son estes profesionais. Este curso estará dividido en dúas sesións, a primeira parte versará sobre os recursos turísticos locais, tocando aspectos do Ribadeo indiano, Ribadeo e os seus recursos naturais, Ribadeo e o comercio internacional, o Ribadeo Vello, etc. E a segunda sesión será unha visita guiada por Ribadeo”. O curso desenvolvérase os días 15 e 22 de abril , en horario de 17:00 a 19:30 horas na sala dos lavadoiros. Poderán asistir os profesionais do sector turístico (hoteis, restaurantes e actividades de ocio e complementarias).
Taller de emprego
Ana Martínez tamén se referiu ao taller de emprego, obxecto de polémica ao longo das últimas semanas. A concelleira de Desenvolvemento Local reitera que desde o Concello non se actuou de xeito neglixente, rexeita as críticas vertidas desde o PP, e considera que esa formación está a utilizar de xeito demagóxico este asunto.
A edil nacionalista dixo que “segundo a lupa que se utilice as cousas vense diferentes. Como non me gusta enganar e menos xogar con algo tan fundamental como é o dereito ao traballo, quero dicirlles á xente que está en situación de desemprego que dende o Concello de Ribadeo para nada se actuou de forma neglixente, senón que se buscou, igual que seguimos a facer día a día, posibilidades para á volta ao mercado laboral de xente que está sen traballo dentro deste marco ademais tan complicado que estamos a vivir e que cada día se fai máis difícil con estas políticas de emprego e con estes recortes do goberno do Partido Popular”.
Martínez plantéxalles varias preguntas aos representantes do Partido Popular, “aos que se lles enche a boca co obradoiro de emprego, ¿onde están cando dende o Concello, buscando actuacións para a colectividade, como é a procura para a ordenación e un uso dun recurso turístico único como a praia das Catedrais, recoñecido a nivel mundial, onde están para demandar da Xunta unha actuación que, sen ningunha dúbida, tería unha repercusión económica a nivel de novos postos de traballo como incluso a consolidación de moitos dos que hoxe temos en Ribadeo, e non só aquí senón na Mariña no seu conxunto?¿Onde están, tamén, cando o pobo de Ribadeo solicita unha residencia pública para que os seus maiores poidan estar aquí e desfrutar do seu pobo cando se vaian facendo maiores e non teñan a onde acudir, e non soamente para iso senón tamén repercutiría en novos postos de traballo?”.
A concelleira de Desenvolvemento Local engade que “nin todo somos iguais nin todo vale en política e dende logo eu sinto vergoña ás veces cando vexo que se utilizan determinadas cousas para facer demagoxia. Pero como quero rematar con esta polémica, simplemente quero incidir de novo en que o Concello actuou coa dilixencia oportuna, sempre de boa fe, enviando a documentación que consideraba pertinente, non houbo ningunha renuncia de funcións e rexeitamos plenamente os ataques do Partido Popular que nos critica por falta de interese, de implicación e de sensibilidade e están aproveitando demagóxica e politicamente un problema social de gran calado, que eles mesmos están causando e afondando cada día máis coa súa política de recortes e de ataques á clase traballadora. Dende o Concello de Ribadeo seguimos traballando na procura sempre dos nosos veciños e veciñas, aos que nos debemos”.























Alí salientou o papel que desenvolve este evento no impulso dos produtos agroalimentarios de proximidade, ao tempo que favorece as canles curtas de comercialización. Destacou tamén a importancia deste mercado, considerado como un dos máis antigos da provincia de Lugo, xa que ofrece unha ampla mostra dos principais oficios de artesáns da Idade Media. Ademais, permite aos asistentes gozar de actividades variadas e degustar produtos agroalimentarios diversos.
A institución provincial colabora con ambas citas, organizadas pola Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa, cunha achega económica de 4.000€. García Porto recalcou que “estes eventos son un exemplo de como a historia da emigración pode converterse nun atractivo turístico de calidade, capaz de atraer visitantes e de reforzar o orgullo de pertenza da veciñanza”.
O evento incluirá espicha, queimada, brujo con conjuro e sesión DJ. O prezo é de 50 euros por persoa, con reserva previa no 611 185 336 e prazas limitadas. A organización lembra que “el 12 de agosto cuando caiga la noche la celebración continúa en Los Olivos… la noche culminará con una queimada elaborada por el Brujo Gonzalo, seguida de una sesión DJ para poner el broche final a una jornada inolvidable”.
Baixo o título Memoria de mariñáns. Unha crónica da emigración da Mariña, o xornalista e investigador Martín Fernández Vizoso ofrecerá unha intervención centrada nas historias e vivencias dos emigrantes da comarca, ilustrando o fenómeno migratorio que marcou a vida de moitas familias ao longo do século XX. O evento inclúe tamén unha imaxe histórica de mariñáns retornados de América nos anos 30, que serve de fío visual para contextualizar esta realidade.
En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).



