Ribadeo, 1 de marzo de 2013. ACISA valora de forma positiva a visita cursada nas últimas horas a Ribadeo pola directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, para facer entrega dun diploma de recoñecemento á traxectoria de Xoiería Carreira, unha empresa familiar que está a punto de cumprir 81 años.
O Centro Comercial Aberto de Ribadeo e Xoiería Carreira son protagonistas ata o 3 de marzo de A semana do teu comercio, unha campaña organizada pola Dirección Xeral de Comercio da Xunta para render homenaxe aos centros comerciais abertos e aos seus establecementos tradicionais mais lonxevos.
A directora xeral de Comercio subliñou o traballo realizado por ACISA a prol do comercio e dos seus 200 asociados, así como a importancia que teñen os centros comerciais abertos na dinamización das vilas e cidades. Sol Vázquez salientou a programación que realizan anualmente ACISA e o Centro Comercial Aberto de Ribadeo: feiras de stocks e noites abertas, xornadas gastronómicas… Tanto a directora xeral de Comercio como a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, realzaron o bo facer dos negocios locais que souberon adaptarse aos tempos acadando a pervivencia dos mesmos a través da calidade, a profesionalidade e a proximidade aos seus clientes. Ambas puxeron a Ribadeo como exemplo de asociacionismo, xa que ACISA celebrará no 2014 o seu 25 aniversario, e Raquel Arias fixo unha chamada á necesaria colaboración entre administracións e tamén entre estas e as empresas para dinamizar o tecido socioeconómico das vilas.
Jesús Carreira e Mª Concepción Alonso recibiron de mans da directora xeral de Comercio un diploma de recoñecemento á súa traxectoria comercial e profesional en Ribadeo. O presidente de ACISA, Roberto Rivas, aproveitou o acto para entregarlle ao que foi un dos socios fundadores deste colectivo unha figura de cerámica conmemorativa.
A directiva de ACISA agradece a Sol Vázquez, directora xeral de Comercio, e á delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, a súa presenza en Ribadeo e agarda seguir colaborando coas iniciativas que estes departamentos leven adiante para potenciar co comercio tradicional ribadense.
Ao acto de onte acudiron a xunta directiva de ACISA, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez; a concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo, Ana Martínez; o portavoz do PP no Concello, Manuel Valín, así coma outros representantes desta formación en Ribadeo.