As profesoras Mari Luz Méndez e Modesta Lombardero divulgarán esta fin de semana o Encontro de Palilleiras de San Ciprián na XXIII Mostra de Encaixe de Camariñas
Cervo, 28 de marzo de 2013-A sala de exposicións da Casa da Cultura acolle dende hoxe e ata o 7 de abril a mostra “Palillando nos meniños” que se inclúe no programa complementario do X Encontro de Palilleiras que se celebrará o 6 de abril. A mostra, organizada pola delegación de Igualdade coa colaboración das profesoras Modesta Lombardero e Mari Luz Méndez, recolle máis de 200 traballos elaborados con encaixe.
Neste sentido é destacable que na mostra se poden ver encaixes elaborados con técnicas moi variadas, dende o galego, ata o estremeño, pasando por encaixe francés, danés ou ruso e incluso moderno, aínda que tamén hai bordado de tul, e incluso algunhas pezas elaboradas con aceiro. En canto ás aplicacións do encaixe, sorprende a variedade de resultados e de utilizacións que se lle pode dar, dende xoiería, pasando por complementos de moda, roupa de vestir ou de cama entre outros usos. Ademais, hai unha zona da exposición dedicada ás aplicacións nos bebés, de aí o título da mostra.
Ao mesmo tempo, tamén cabe resaltar que as pezas expostas son, por unha banda traballos feitos a man polas alumnas das clases que imparten as dúas mestras; e pola outra pezas prestadas por persoas particulares. A edil de Igualdade, Pilar Armada, quixo facer un agradecemento expreso a todos aqueles que cederon temporalmente as súas pezas “xa que coa súa contribución fan posible e enriquecen esta exposición”.
A concelleira destacou que a mostra se abre antes do Encontro, facéndose coincidir coa Semana Santa, co obxectivo de “incrementar o número de visitantes á exposición aproveitando o aumento de poboación que se rexistra nestes días festivos”. Armada tamén explicou a importancia desta mostra, coa que se pretende “amosar as múltiples posibilidades e aplicacións que ten o encaixe na vida cotiá”. O horario de apertura é de luns a domingo de 17:00 a 20:00 horas.
Esta exposición é a antesala do X Encontro de Palilleiras, no que este ano participarán máis de 600 persoas. Un dato que se coñeceu hoxe despois de que onte se pechase o prazo de inscrición para este evento multitudinario. Dicir tamén que as profesoras Mari Luz Méndez e Modesta Lombardero promocionarán o encontro de San Ciprián na XXIII Mostra do Encaixe de Camariñas que ten lugar esta fin de semana nese concello da Costa da Morte.
Alí estarán, a partir do venres, as dúas mestras, “facendo de embaixadoras do noso encontro e levando material como carteis e dípticos para convidar a todas as persoas ás que lles interese o mundo do encaixe a acudir a San Ciprián”. “O papel de Mari Luz e Modesta é fundamental no Encontro de Palilleiras e en xeral en todas as actividades relacionadas con este traballo artesanal, dende a exposición ata a divulgación do noso encontro, polo que temos moito que agradecerlles” remata Armada.