A Liga de Billarda do Norleste (LNB) está na recta final da tempada regular. O sábado 16 disputouse no pavillón do IES Anxel Fole de Lugo a novena xornada sen que as clasificacións sufrirán cambios importantes. A falta de dúas xornadas, os postos de clasificación para as finais de Marrrozos (Santiago de Compostela) aínda están no aire. Das doce prazas, só cinco ou seis parecen xa ocupadas, pero para o resto hai moitos candidatos con posibilidades. O mesmo pasa en Varados, onde só Charli e Regueiro poden considerarse xa clasificados.
En equipos, os Billardeiros Musicais, aínda que non definitivamente, si parecen os donos do primeiro posto. Para a segunda praza Os Outros levan vantaxe, pero tanto Tropa Lixeira como os Remourelle Bulls manteñen unha feroz loita por alcanzalos.
A liga está ao roxo vivo e cadaquén vai tirar das derradeiras posibilidades para xunguirse ao carro das finais.
Na cidade das Murallas, o frío e a choiva fixeron que os anfitrións Madia Leva tiveran que cambiar o céntrico campo de herba artificial da Piringalla polo pavillón do IES Anxel Fole, mais non foron quen de quitar vistosidade a unha nova e multitudinaria xornada billardeira. Dúas pistas de xogo a pleno rendemento e as billardas fungando no aire cara o varal cun alto porcentaxe de varados. Contabilizáronse catorce en total.
Os candidatos a facer pleno íanse reducindo a medida que se ían sucedendo as carreiras, chegando ao final con Eric de “Os Outros” como único invicto na xornada e por tanto campión do aberto. Para o resto do podio quedaron tres candidatos: Adrián de “Extensión Billarda”, Franco de “Billardeiros Musicais” e Martiño de “Remourelle Bulls”, todos eles con 9 puntos. Foi o italo-galego musical quen mais afinou no desempate e se fixo ca segunda praza, a terceira para Martiño e Adrián quedou fora.
Os gañadores foron agasallados con sendas bolsas de libros e camisetas. Cómpre sinalar que o vindeiro encontro terá lugar en Bretoña.
A clasificación pouco muda e queda así:
Individual:
Charli 76 p., Marcos 70 p., Eric 69 p., Regueiro 64 p., Richar 63 p.
Equipos:
Billardeiros Musicais 253 p., Os Outros 238 p., Tropa Lixeira 224 p.
Varados:
Charli 11, Regueiro 9, Eric 7, Martiño 6, Daniel 5.