O MINISTERIO DE FOMENTO DEU APROBACIÓN DEFINITIVA MEDIANTE PUBLICACIÓN NO BOE DE 23 DE FEBREIRO AO ESTUDO INFORMATIVO DA AUTOVÍA DE CONEXIÓN ENTRE SAN CIBRAO E BARREIROS SEN ATENDER AS PRINCIPAIS ALEGACIÓNS PROPOSTAS POR VECIÑOS E APOIADAS POLO PLENO DO CONCELLO DE CERVO EN 2009.
ESTA RESOLUCÍON PON FIN Á VIA ADMINISTRATIVA E SÓ É POSÍBEL A PRESENTACIÓN DE RECURSO DE REPOSICIÓN ANTE FOMENTO NO PRAZO DUN MES OU RECURSO CONTENCIOSO ADMINISTRATIVO NO PRAZO DE DOUS MESES DIANTE DA AUDIENCIA NACIONAL.
O BNG SOLICITOU UNHA REUNIÓN URXENTE DA XUNTA DE PORTAVOCES PARA QUE GOBERNO LOCAL EXPLIQUE SI VAI TOMAR ALGUNHA MEDIDA PARA DEFENDER O ACORDO PLENARIO DE AGOSTO DE 2009 EN RELACIÓN ÁS ALEGACIÓN PRESENTADAS AO TRAZADO.
Cervo, 7 de marzo de 2013. O BNG solicitou á alcaldía de Cervo unha reunión urxente da Xunta de Portavoces para que informe so o goberno local ten previsto realizar algún trámite diante da aprobación definitiva do Estudo Informativo da Autovía de Conexión entre San Cibrao e Barreiros ao non atenderse as principais alegacións presentadas por asociacións veciñais, particulares e o propio concello mediante acordo plenario de 17 de agosto de 2009, os nacionalistas lembran que nese pleno deuse aprobación por unanimidade a un acordo no que se apoiaban as alegación presentadas pola AA.MM de Vilaestrofe, alegacións de veciños da Senra e Gondrás pola afectación de acuíferos dos que se abastecen, pendente do proxecto construtivo, e outra do propio concello pedindo unha modificación puntual do Trazado para evitar o illamento da Parroquia de San Román.
SOLICITUDE DE CONVOCATORIA DUNHA XUNTA DE PORTAVOCES PARA QUE O GOBERNO MUNICIPAL INFORME DAS SÚAS INTENCIÓNS.
O BNG solicitou a convocatoria urxente dunha xunta de portavoces para coñecer as intencións do goberno municipal diante da aprobación definitiva mediante publicación no BOE de 23 de febreiro do Estudo Informativo da Autovía de conexión entre San Cibrao e Barreiros que recolle as alternativas IA2-IB2 sen recoller as principais alegacións presentadas no territorio municipal de Cervo coa excepción dunha da Dirección Xeral de Patrimonio para evitar danar o Conxunto Histórico de Sargadelos e as presentadas por veciños da Senra e Gondrás por afectación a acuíferos dos que se abastecen, que quedan á espera da redacción do proxecto construtivo. O portavoz municipal, Xoán Antón Estúa, explicou que a CC.MM de Vilaestrofe e mesmo o Concello de Cervo presentaron alegacións para a modificación do trazado ao seu paso por esta parroquia que non foron atendidas que suporía evitar o impacto e illamento do núcleo da Calvela desta parroquia.
APROBACIÓN DEFINITIVA QUE ESGOTA A VÍA ADMINISTRATIVA QUEDANDO O RECURSO DE REPOSICIÓN OU O CONTENCIOSO ADMINISTRATIVO.
Estúa afirmou que segundo se expón no BOE de 23 de febreiro a Secretaría de Estado de Infraestruturas, Transporte e Vivenda por delegación da Ministra de Fomento aprobou o expediente de información pública e definitivamente o Estudo Informativo da Autovía de conexión entre San Cibrao e Barreiros seleccionando as alternativas IA2-IB2 xa propostas tanto na aprobación provisional en xuño de 2009, na Declaración de Impacto Ambiental de decembro de 2011 e nesta ultima resolución do Ministerio de Fomento que esgota a vía administrativa e dispón o recurso de casación diante do Ministerio no prazo dun mes ou dous no caso de acudir ao contencioso administrativo. Neste sentido, o portavoz nacionalista indicou que “hai persoas e colectivos que presentaron alegacións no seu día preocupados polos efectos do trazado que teñen interese en coñecer cal é apostura do goberno local ao respecto”.
O BNG VOLVERÁ FACER ACTOS INFORMATIVOS NAS ZONAS AFECTADAS DO MUNICIPIO AO IGUAL QUE XA FIXERA EN 2009 E 2011.
Estúa anunciou que o BNG ademais de pedir a convocatoria dunha xunta de portavoces no concello volverá facer actos informativos na zonas do concello de Cervo afectadas pola paso da autovía ao igual xa fixeron en 2009 e 2011 coa publicación do Estudo Informativo provisional e a Declaración de Impacto Ambiental respectivamente. Deste xeito realizarán actos informativos en San Román de Vilaestrofe, A Senra, Gondrás e Castelo para informar aos seus veciños do estado de tramitación do expediente e consultar a súa opinión a fin de tomar iniciativas ao respecto. Con todo dende o BNG lembraron que aínda está pendente a redacción do proxecto construtivo e por tanto aínda quedan trámites administrativos e períodos de alegacións pendentes.