Foz a 28 de marzo de 2013.-O BNG de Foz quere saír ao paso das declaracións do alcalde nas que anunciou que este ano vai facerse o proxecto básico da Residencia e do Centro de Día previsto para Foz.
En primeiro lugar, o BNG advírtelle ao PP que non xogue coas necesidades dos veciños e veciñas de Foz e que cumpra realmente co prometido, é dicir, que estea en funcionamento no ano 2015. Dicimos isto porque xa estaba previsto a súa construción na anterior lexislatura e aínda non hai nada feito. Ata agora, o PP so se dedicou a demorar o asunto e a dar escusas, sendo ao día de hoxe Foz o único concello que non conta con Centro de Día nin con unha Residencia públicas. Mesmo a Corporación Municipal en pleno e por unanimidade demandou da Xunta que esta obra estivera rematada no horizonte do 2014, solicitando unha partida nos orzamentos do exercicio 2012 para que iso fora posible. O PP non aprobou nin para o ano 2012 nin para o 2013 ningunha partida para asegurar a realización desta obra, a pesar que había emendas do BNG neses sentido.
En segundo lugar porque o BNG xa ten reiterado que o número de prazas que parece que a Xunta ten pensado ofertar, co beneplácito do alcalde, é totalmente insuficiente para o Concello de Foz. Segundo se di na nota de prensa, a oferta será de 40 prazas de Residencia e 40 prazas de Centro de Día, cando inicialmente sempre se demandaron máis de 100 prazas, entre Residencia e Centro de Día –por todos os grupos da corporación-. É isto é lóxico e acorde coa realidade social do concello posto que Foz é o segundo en poboación da Mariña, despois de Viveiro. No Concello de Foz había censados máis 2.300 maiores de 65 anos no ano 2012. Esta cifra supón case o número total de habitantes de poboacións que contan xa cun Centro de Día para 30 usuarios como Vilanova de Lourenzá ou máis da metade da poboación de localidades nas que a Xunta do PP vai abrir residencias con centro de día para 78 persoas como o caso de Cervo.
Por este motivo, o BNG insta á Xunta de Galiza a que aumente o número de prazas da Residencia de Terceira Idade e do Centro de Día de Foz. Por outro lado, o BNG de Foz non está de acordo con que a xestión sexa privada e por iso demandamos que a xestión sexa pública porque é a única que garante a universalidade e a igualdade á hora de acceder aos servizos asistenciais e unha maior calidade nos mesmos.
Así mesmo, para non seguir dando voltas á roda, desexamos que dunha vez por todas o PP inclúa unha partida nos Orzamentos autonómicos do 2014 para que se garanta o inicio das obras nesa anualidade e o seu remate no ano 2015, segundo as previsións do PP e do propio alcalde.