Burela, 14 de marzo de 2013. O equipo de goberno asegura que se a asociación de diabéticos de Burela volve ter actividade tentarán buscarlles un local para que poidan realizar o seu traballo, pero advirten de que “se nos van pedir un local para meter cousas e non usalo lles teremos que dicir que non, sentíndoo moito, porque hai colectivos que precisan locais e que teñen actividade”.
Desde o equipo de goberno sinalan que “a nós solicitóusenos por parte dun colectivo de Burela que ten actividade permanente ocupar o local que estaba a utilizar a asociación de diabéticos, porque non están a ter actividade algunha. Dito colectivo, o que nos demandou ese local, que si ten actividade permanente durante todo o ano, o que precisa é ter máis espazo para realizar o traballo que fan”.
O equipo de goberno burelés tentou poñerse en contacto coa asociación de diabéticos de Burela, “falamos con xente do hospital que podía estar vinculada con este tema e dixéronnos que non había actividade. Puxémonos en contacto coa asociación de diabéticos a nivel provincial e ratificáronnos que non había actividade da devandita asociación en Burela e puxéronnos en contacto cun dos membros da xunta directiva, falamos con el, díxonos que non tiñan actividade en Burela e aceptou o que lle estabamos a propoñer: sacar as súas cousas do local que estaban a ocupar e gardalas ata que viñesen por elas”.
No equipo de goberno cren que actuaron correctamente, “o que non podemos facer é ter un local na praza de abastos inutilizado e pechado a cal e canto, coa necesidade que hai de locais neste momento. Se esta asociación de diabéticos retoma a súa actividade podemos buscar a fórmula para que poidan seguir contando cun local de propiedade municipal”. E engaden que “este colectivo tampouco se puxo en contacto con nós para solicitarnos algún local no que celebrar a súa asemblea. Eles fan a asemblea na rúa porque queren, pero son moi libres de facelo como consideren”.
Desde o equipo de goberno de Burela reiteran que “se eles retoman a actividade nós non temos inconveniente en sentarnos con esta asociación, faltaría máis. Exactamente igual que un goberno do PP lles deixou no seu día o local para que se reunisen, un goberno do PP pódelles dar a solución ao problema que teñen agora, sempre e cando retomen esa actividade. Se nos van pedir un local para meter cousas e non usalo lles teremos que dicir que non, sentíndoo moito, porque hai colectivos que precisan locais e que teñen actividade”.
Os populares indican que “ata o de agora foron contadas as ocasións nas que se dixo que non para poder disfrutar dun local ou ben por falla de espazo ou por incompatibilidade da actividade que se quere levar adiante. Se hai un colectivo que ten actividade, e é compatible co que se desenvolve na praza de abastos e hai posibilidade de compartir algún local, porque agora están todos ocupados, sen ningún tipo de problema nos brindamos a sentarnos e a buscar unha solución”.