APROBADA UNHA MOCIÓN DO EQUIPO DE GOBERNO SOBRE O HOSPITAL DA COSTA. GONZÁLEZ BARCIA CONSIDERA QUE “QUEDA BASTANTE CLARO QUEN DEFENDE ESTE CENTRO E QUEN ESTÁ POR MONTAR LIORTAS EXCLUSIVAMENTE POLÍTICAS”.
Burela, 21 de marzo de 2013. No pleno celebrado no Concello de Burela aprobouse unha moción presentada polo equipo de goberno sobre o Hospital da Costa e tamén o anteproxecto para o encauzamento do río Perdouro. O alcalde, José Mª González Barcia, cuestiona a actitude do PSOE nestes dous asuntos.
O rexedor contou que “no pleno celebrado hoxe pola mañá aquí, en Burela, foi aprobada unha moción do grupo municipal do Partido Popular en relación co Hospital da Costa. Para que non quede dúbida do texto da moción, esta di claramente o seguinte, que os acordos que se adoptan son: primeiro, garantir a continuidade dos servizos, unidades e consultas existentes no Hospital da Costa, de Burela, e incluso desenvolver cantas xestións e esforzos sexan necesarios para incrementalos e potenciar a súa calidade asistencial; no segundo punto nós pedimos que non se modifique o actual mapa sanitario do Sistema Público de Saúde na provincia de Lugo, de tal xeito que se manteña a área sanitaria da Mariña e incluso reforzala, xa que logo o xerente executivo desta área terá baixo a súa responsabilidade non só o centro hospitalario senón tamén os centros de atención primaria da área; e terceiro, levar adiante de inmediato a ampliación do Hospital da Costa co fin de adaptalo á actual demanda asistencial, á mellor prestación para os pacientes e á realización do traballo dos profesionais con seguridade e calidade”. Para González Barcia “isto demostra claramente o compromiso que o Partido Popular de Burela, que o Partido Popular da Mariña, en definitiva o Partido Popular de Galicia, ten co Hospital da Costa”.
Ao alcalde burelés resúltalle chocante que “o Partido Socialista votase en contra desta moción no pleno do Concello de Burela, onde tamén hai uns meses votou en contra do plan xeral de ordenación municipal onde se planifica a ampliación do Hospital da Costa. Co cal eu creo persoalmente que queda bastante claro quen defende o hospital e quen está por defender outras cuestións ou quen está por montar liortas de forma exclusivamente política”.
Río Perdouro
Na sesión plenaria desta mañá tamén se aprobou, “iso si, cos votos exclusivamente do Partido Popular, o anteproxecto de encauzamento do río Perdouro. E resulta ata certo punto absurda a postura adoptada polo Partido Socialista, que se abstivo na votación deste anteproxecto, que evidentemente, como moitas cousas, é o inicio do camiño que vai permitir no seu día, cando esta obra sexa realizable, unir a zona do Perdouro coa da gardería, encauzando o río Perdouro. Pois estes señores abstéñense e acúsannos de que non somos capaces de planificar o futuro de Burela. Pois mire, nosoutros estamos precisamente sentando as bases para planificar o futuro de Burela e alguén ten que arrancar. Seguramente esta obra non se vai facer nin en dous nin en tres anos nin, ao mellor, nin en cinco nin en seis, pero é certo e evidente que se non nos poñemos con ela loxicamente non se fará nunca”. José María González Barcia lembrou que “cando no seu día algún responsable político pensou en, por exemplo, canalizar o río Burela alguén lle chamou tolo. Hoxe esta canalización é unha realidade e permitiu que Burela sexa o que é. E tamén cando no seu día algún político pensou en facer o ensanche de Burela, é dicir toda a urbanización das rúas novas, hai aproximadamente 45 anos, alguén tamén lle chamou tolo a aquela persoa por pensar que iso era factible. Hoxe en día tanto unha actuación, a canalización do río de Burela, como a outra, o ensanche de Burela e as rúas novas, son unha realidade e permitiron que Burela sexa o que é”.
O alcalde sinalou que “en definitiva, nosoutros estamos por sacar adiante ou por planificar proxectos que o día de mañá sexan realizables e que sirvan para garantir precisamente o desenvolvemento do noso pobo. E o encauzamento do río Perdouro aparece no plan xeral de ordenación municipal de Burela, que foi aprobado inicialmente hai algo máis dun ano e que conta co informe favorable de Augas de Galicia. Resulta realmente sorprendente que o Partido Socialista, unha vez máis, se preocupe de faroliñas, das flores e de cousas que o único que pretenden é precisamente esquecernos do esencial, que é planificar o futuro do noso concello e sentar as bases para que corporacións futuras leven adiante esas actuacións e para que, en definitiva, poidamos asentar aquí poboación e postos de traballo”.




















Coincidindo co aniversario do nacemento de Rosalía e da morte de Cunqueiro, o restaurante ribadense ofrece unha versión do Caldo de Gloria e dous pratos inspirados na obra gastronómica do mindoniense —empanada e ostras en escabeche— como forma de achegar a literatura galega á mesa.
O Concello de Navia presenta este sábado 28 de febreiro, ás 12:00 h no Casino, o libro Tras las huellas de Campoamor en Alicante, de Luján Martínez Suárez. Ademais, adquiriu un valioso volume da RAE de 1865, que inclúe un discurso seu orixinal. O exemplar incorporarase á Biblioteca Municipal, ampliando o fondo dedicado ao poeta.
O Dúo Eclipse será o encargado de poñer a música nunha nova tarde-noite chea de ritmo, baile e bo ambiente no Guateque de Arruguiñas. A cita é este sábado, 28 de febreiro na Casa do Mar de San Cibrao ás 19:30 h. Ademais, o alumnado de 2º de Bacharelato, en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil, ofrecerá bingo e chocolate para completar a festa. O evento conta tamén coa colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.
O Restaurante Oviedo-2 será o encargado de elaborar o caldo, o compango e as filloas de sobremesa. O acto incluirá tamén lectura de poemas e música, coa participación de Eli García-Bouso, que interpretará algunhas pezas inspiradas en Rosalía de Castro. O prezo do xantar será de 15 euros para socios/as e 20 euros para non socios/as. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou mediante unha mensaxe de WhatsApp ao 699 809 606.
Neste espazo radiofónico, de 12 a 14 horas, Félix Jorquera falará coa directora do IES de Foz, Leticia Maseda, co coordinador do evento, José Ríos, así como con alumnado e profesorado participante e moi implicado nos Campionatos Internacionais de Baristas e Catas de Café, que estes días enchen Foz de xente e de aroma cafeteiro.
Os propietarios, Javier Montero e Tita Iglesias, recolleron o recoñecemento na Coruña, agradecendo o apoio da clientela, do seu equipo —formado integramente por mulleres— e da propia guía. O establecemento mantén esta recomendación desde 2021 e suma tamén un Sol Repsol, obtido en 2024 e renovado para 2026. O hotel restaurante Javier Montero abriu as súas portas en novembro de 2018.
Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándido Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.



