Lugo, 25-03-2013 – O Grupo Provincial Popular vén de presentar un escrito no que solicita acceso ao expediente da obra Riotorto.-Marco de Álvare – As Rodrigas, P.K. 0.000 /5.800, co obxecto de comprobar cada unha das certificacións e pagos emitidos pola Deputación Provincial de Lugo relativos á citada obra.
Con esta xestión, dende o Grupo Provincial do Partido Popular queren estudar cada unha das certificacións emitidas por parte do ente provincial; así como constatar cales foron sufragadas e se os pagos se axustan coas unidades de obra executadas.
Desta forma, os populares están a cumprir co seu compromiso de facerlle seguimento a cada unha das obras sobre as que dende o Grupo Provincial do Partido Popular ve, cando menos, indicios suficientes que levan a sospeitar da existencia de posibles irregularidades en determinados acometidos.
Polo tanto, e tendo en conta as novas publicadas en prensa sobre a piscina climatizada de Monterroso, dende o Grupo Provincial do Partido Popular, en cumprimento do seu deber están a traballar na liña de supervisar todas as obras.
Con este obxecto, os populares non solicitaron soamente acceso as certificacións e pagos; senón a todo o expediente coa inclusión dos proxectos, modificados, actas e informes emitidos tanto pola empresa adxudicataria como pola Deputación de Lugo
Os populares solicitan axilidade nas obras
Tras a resolución do contrato á empresa adxudicataria na Xunta de Goberno do pasado venres, dende o Grupo Provincial Popular esíxenlle ao presidente do ente, José Ramón Gómez Besteiro, que axilice os trámites necesarios e que proceda da maneira inmediata a licitación e adxudicación da obra.
Os populares consideran necesario darlles unha resposta inmediata aos veciños de Riotorto, que están a esperar que remate unha obra dende o ano 2007, data da primeira adxudicación que se resolve no 2010 por demora da Deputación á hora de levar adiante o procedemento pertinente.
Tras adxudicarse de novo no ano 2011, cun prazo de execución de 6 meses, sufriu reiteradas paralizacións, sen ver o veciños hoxe en día respostadas as súas demandas.