– Martínez supervisou o inicio das obras, que deixarán “en perfectas condicións” a rede viaria provincial, a máis extensa de España con máis de 4.200 quilómetros, e que consistirán no acondicionamento con rego asfáltico de todos e cada un dos puntos que o necesiten
– “Empezamos estes traballos en canto nos foi posible, coa chegada do bo tempo. Somos conscientes do mal estado de moitas vías, pero iniciar antes as obras non serviría de nada porque as choivas desfarían todo arranxado”, subliñou o Deputado de Xestión Territorial
– Un dispositivo de 50 operarios e 32 máquinas, coordinado por 16 capataces e vixilantes, ocuparase de acometer as actuacións, que atenden ás necesidades detectadas polos técnicos provinciais e tamén ás solicitudes veciñais
O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, supervisou este luns o inicio das obras do Plan de Rebacheo, ó que o organismo lugués destina máis de 5 millóns de euros para arranxar as vías provinciais dos 67 Concellos lucenses. As melloras deixarán “en perfectas condicións” a rede viaria provincial, a máis extensa de España con máis de 4.200 quilómetros, e consisten, segundo explicou Martínez, no acondicionamento con rego asfáltico de todos e cada un dos puntos que o necesiten.
Un dispositivo de 50 operarios e 32 máquinas, coordinado por 16 capataces e vixilantes, ocúpase de acometer as actuacións, que atenden ás necesidades recompiladas polos técnicos provinciais durante os últimos meses e tamén ás solicitudes veciñais. Os labores de rebacheo comezaron ó mesmo tempo nas 8 zonas nas que a Deputación ten dividida a conservación da rede viaria provincial.
O delegado de Xestión Territorial, que esta mañá estivo nos concellos de Castroverde e O Corgo para supervisar as obras, recalcou que a Deputación inicia estes traballos “en canto nos foi posible, coa chegada do bo tempo. Somos conscientes do mal estado de moitas estradas e da necesidade destas melloras, pero inicialas antes non serviría de nada porque as choivas desfarían todo o arranxado”.
Neste senso, Martínez, que estivo acompañado polo alcalde de Castroverde, incidiu en que este inverno especialmente chuvioso provocou que os danos nas estradas foran maiores que noutras tempadas, pero tamén “pesa moito a herdanza recibida do Partido Popular”, argumentou, pois “deixou unhas estradas de moi mala calidade, o que acentuou os efectos provocados polas choivas.
Falta de colaboración da Xunta e o Goberno central
O Deputado bota de menos a colaboración económica por parte da Xunta e do Goberno central para o acondicionamento da rede viaria provincial. “Non teñen en conta que temos a rede de estadas máis extensa de toda España, e lonxe de colaborar, retiran iniciativas determinantes como a achega estatal do Plan de Obra e Servizos (POS), e tratan de traspasarnos todas as competencias posibles, iso si, sen as achegas económicas correspondentes. Lembremos o que fixeron cos servizos sociais: Feijóo decidiu unha boa mañá que a Xunta deixaba de pagar o Servizo de Axuda no Fogar”, manifestou Manuel Martínez, quen tamén lembrou que a Xunta “mantén paralizada a transferencia de estradas dende o ano 2009, obrigando ós lucenses a pagar o que non deberían simplemente porque o Goberno galego se nega a asumir as súas competencias”.
Aposta por estradas de calidade
Todo isto contrasta co “gran esforzo económico e de recursos” que fai a Deputación para o mantemento e mellora das súas estradas, asegurou o delegado de Xestión Territorial: “Fronte ás actuacións e materiais de baixa calidade aplicados durante a etapa de Goberno do Partido Popular, nós apostamos por reformar as estradas botándolles aglomerado en quente, o mellor material que existe no mercado para garantir a durabilidade e seguridade das calzadas, garantindo que estean en perfectas condicións por un período mínimo de 10 anos”.
Intervirase en 3.200 quilómetros
En 5 anos, este Goberno provincial multiplicou por 10 o número de quilómetros con aglomerado en quente, e hoxe son 1.000 os que contan con este material. Tendo en conta que esta superficie está en boas condicións, o número final de quilómetros sobre os que se intervirá co Plan de Rebacheo é de 3.200.
Os traballos iniciados hoxe acométense con cargo ó Plan de Conservación de Estradas 2013, a través do que a Deputación está a actuar no 100% das vías provinciais. Para garantir unha atención rápida e eficaz ós veciños e aforrar custes, a institución luguesa dividiu a rede viaria provincial en 8 zonas, que son as seguintes:
– Zona 1: adxudicada á UTE J. Sanjurjo S.L.-Carferlo S.L. Formada polos Concellos de Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Ourol, Muras, Xermade e Vilalba, que suman 530 quilómetros.
– Zona 2: Adxudicada a Isidro Otero. Formada polos Concellos do Valadouro, Foz, Alfoz, Barreiros, Lourenzá, Ribadeo, Trabada, Mondoñedo, Abadín, Riotorto, A Pastoriza e A Pontenova. Suman un total de 618 quilómetros.
– Zona 3: Adxudicada a Taboada e Ramos. Formada polos Concellos de Meira, Pol, Castro de Rei, Cospeito, Outeiro de Rei, Rábade, Lugo, Castroverde, Baleira, O Corgo, Láncara e Baralla. Estes Concellos suman 668 quilómetros.
– Zona 4: Adxudicada a Taboada e Ramos. Formada polos Concellos de Guitiriz, Begonte, Friol, Guntín, Palas de Rei, Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín, O Páramo, Sarria e Paradela. Neste caso, a Conservación afecta a 680 quilómetros.
– Zona 5: Adxudicada a Carballeira S.L. Os municipios incluídos nesta zona son: Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Navia de Suarna. Estes cinco Concellos suman 332 quilómetros.
– Zona 6: Adxudicada a Cymot S.A. Formada polos Concellos de Becerreá, Cervantes, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro. Suman 334 quilómetros.
– Zona 7: Adxudicada a Construcciones Goñi. Formada polos Concellos de Triacastela, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil. En total, 313 quilómetros.
– Zona 8: Adxudicada a Construcciones Rafer. Formada polos Concellos de Bóveda, A Pobra de Brollón, Monforte, Sober, Pantón, O Saviñao, Taboada, Chantada e Carballedo. Neste caso, os quilómetros son 738 quilómetros.
Sinalización e balizamento
Ademais de aglomerar en quente 1.000 quilómetros, o Goberno provincial acometeu dende a súa chegada á Deputación outras importantes melloras nas estradas da súa competencia, como a sinalización e balizamento das vías dos 67 Concellos lucenses. Entre outras actuacións:
– Colocou máis de 3.400 sinais (entre circulares, triangulares e stop).
– Un milleiro de paneis direccionais, para alertar da presenza de curvas perigosas.
– Máis de 400 balizas de neve, moi necesarias en estradas de alta montaña.
– Sinalizou mediante hitos quilométricos todas as estradas da rede provincial, coa súa denominación. En total, colocou máis de 4.000 unidades.
– Instalou cerca de 13.000 metros de barreiras de seguridade e máis de 4.700 metros de proteccións de seguridade para motoristas.




















As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.



