Ribadeo, 2 de abril de 2013. Na OMIC de Ribadeo foron presentadas o ano pasado 383 reclamacións de afectados por participacións preferentes e 78 por obrigacións subordinadas. Os datos dábaos a coñecer hoxe o concelleiro de Consumo, Horacio Cupeiro, que subliñou que todas foron plantexadas contra NovaGalicia Banco. O edil nacionalista subliña que estes días se están a rexistrar moitas máis tras a carta que a entidade galega lles fixo chegar aos titulares destes produtos comunicándolles a aplicación do troco por accións das participacións preferentes e obrigacións subordinadas emitidas cunha taxa de desconto sobre o valor nominal destes títulos.
Cupeiro explicou que “o que se fai na OMIC é solicitar un sistema arbitral. Cando se presenta a reclamación pertinente recóllese a documentación e envíase ao Servizo Provincial de Consumo de Lugo e este á súa vez ao Instituto Galego de Consumo para despois remitirllo a NovaGalicia Banco. Cando se aceptaba a arbitraxe e era comunicada ao reclamante asinábase e mandábase a Santiago ou a Lugo. Como había persoas maiores ou con impedimentos físicos ou psíquicos o que se facía desde a OMIC era recollerlles a firma e enviar a documentación ao organismos correspondentes”.
O concelleiro de Consumo de Ribadeo fala de estafa ou de fraude por parte dos que permitiron que este tipo de produtos se comercializaran, subliña que o dano causado a moita xente é enorme e responsabiliza de todo o sucedido aos gobernadores do Banco de España para os que pide a cárcere. Cupeiro sinalou que “o FROB é o único accionista de NovaGalicia Banco e agora obríganos a facer un troco desas preferentes ou subordinadas cunha taxa de desconto que oscila entre o 43% das preferentes ao 22% das subordinadas con vencemento. Este acordo adoptado o pasado 22 de marzo di que se trata de estimacións medias, pero que non se determinou nin o valor nin a data do troco de cada emisión concreta”.
Estafa ou fraude
O edil ribadense, afectado tamén polas subordinadas de NovaGalicia Banco, engade que “moita xente non sabía nin que as tiña ata que empezaron a recibir estas cartas hai un par de días. O Consello de Ministros anunciou que en datas próximas porá en marcha un procedemento para que o Fondo de Garantía de Depósito poida comprar ditas accións”. Para Horacio Cupeiro “o acontecido con estes produtos é unha estafa ou un fraude. Non digo que teñamos que tomar medidas drásticas contra a xente que nos estafou ou defraudou, debémolo facer de forma democrática e tranquila, manifestándonos e tomando as medidas a que houbera lugar, pero nunca empregando a forza, aínda que o dano feito a persoas maiores, a persoas que non tiñan coñecemento, foi enorme e hai xente que está cunha depresión inmensa porque a enganaron sen saber onde lles meteran os cartos, cando realmente o que nos dixeron foi que existía unha total garantía”.
O concelleiro de Consumo fala de responsabilidades: “non lle quero botar a culpa a ningún dos traballadores das oficinas de NovaGalicia Banco, pero os que son culpables de todo isto son os gobernadores do Banco de España, que eran os que tiñan que controlar que isto non ocorrese, xa que para iso os nomean e lles pagan un bo soldo. Pero como levamos un tempo de crise e as caixas non se poden financiar a través dunha ampliación de capital, porque o teñen prohibido, o que fixeron foi sacar estas participacións e obrigacións para poder conseguir cartos”. Para Cupeiro “todo o ocorrido non ten perdón porque realmente que lle apliquen quitas a xente que tiña todos os seus aforros depositados, incluso persoas afectadas por ERES e que os seus únicos recursos económicos se meteran neste tipo de produtos é imperdoable e teremos que tomar todas as medidas necesarias para poder ir contra destas persoas. A xustiza ten que mandalos ao cárcere, non hai outra saída, porque de non ser así isto volverá pasar”.