O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo anunciou hoxe, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno da Deputación, que pasadomañá, mércores 3 de abril, inaugurarase na Sala de Exposicións da Deputación a mostra sobre os “25 anos de ARTESONADO” a revista cultural editada pola Asociación de Antigos Alumnos da Escola de Arte “Ramón Falcón”. Mario Outeiro afirmou que “neste ano 2013, cúmprense 25 anos de vida de ARTESONADO, algo que non é habitual neste tipo de publicacións culturais periódicas, e por iso, pola súa rareza e contribución ao mundo cultural lucense, pareceunos unha ocasión digna de se celebrar cunha exposición e un conxunto de actividades complementarias, co desexo de continuar, ano tras ano, facendo que a súas páxinas sexan o escaparate onde se poida atopar a obra ou referencia cultural que teña relación co arte e a cultura na cidade de Lugo”.
A Asociación de Antigos Alumnos encárgase da realización, maquetación, estudo de contidos e petición de colaboracións, edición, distribución e difusión da revista, que se envía gratis a bibliotecas, centros galegos, escolas de arte, concellos, agrupacións culturais, sociedades recreativas e culturais, escolas, tendas de publicacións, etc., sendo os destinos fundamentalmente en Galiza, e diversos lugares de España, Arxentina, Canada e EE UU.
Desta revista Artesonado edítanse 800 exemplares de cada número acompañados de 800 serigrafías orixinais, numeradas e asinadas unha a unha polo autor, que fai a obra desinteresadamente para cada número, sendo impresas nos talleres de serigrafía da Escola de Arte e Superior de Deseño “Ramón Falcón” como colaboración gratuíta coa Asociación.
Mario Outeiro destacou que “desde o primeiro momento a Asociación considerou importante colaborar na normalización do galego, de xeito que a maior parte dos artigos están escritos no noso idioma”. O seu contido esta orientado a dar testemuña dos acontecementos culturais máis relevantes, tanto dentro do nosa contorna como fora dela, no eido da arte, así como as actividades anuais da asociación.
Dentro das actividades paralelas, o mércores, 17 de abril, ás 20:30 horas o historiador e secretario da Asociación, Adolfo de Abel Vilela, falará sobre “Visión Artística de 25 Anos de ARTESONADO”. O seguinte mércores, 24 de abril, ás 20:30 horas: Concerto de música clásica a cargo de Maria Isabel Senn (violín); Saul Nogareda (violonchelo) e Diego Fernández Vilela (flauta traveseira).
Rexeitamento
Por último, Mario Outeiro transmitiu a súa máis enérxica condena ao asasinato dunha muller en Lugo, vítima do terrorismo machista. O nacionalista enviou a súa solidariedade e apoio á familia e amizades da muller asasinada no día de onte.
O delegado de Cultura e Turismo fixo un chamamento á sociedade galega para manifestar publicamente o rexeitamento á violencia de xénero, malia non poder participar presencialmente na convocatoria de hoxe diante do Concello de Lugo por coincidir con esta rolda de prensa, o maior síntoma de desigualdade entre mulleres e homes, e apela a mostrar unha actitude de tolerancia cero co silencio e coa complicidade. As accións particulares, das persoas que coñecen os casos de violencia e de quen poida presenciar ou detectar agresións son achegas imprescindíbeis para loitar contra o terrorismo machista.