Foz, 22 de abril de 2013. A campaña As compras na túa vila teñen premio, que se desenvolverá en Foz desde hoxe e ata o vindeiro 3 de maio, repartirá 2.000 euros en premios. Está organizada pola Federación Galega de Comercio, a Federación de Comercio de Lugo e a Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Foz.
O presidente de ACIA Foz, José Carlos Paleo, sinalou que “estamos a celebrar o 25 aniversario da asociación de comerciantes e esta semana comezan os actos conmemorativos con esta campaña, que agora presentamos, de dinamización do comercio local. O xoves teremos o acto central de celebración deste aniversario, no que escoitaremos aos presidentes que tivo o colectivo, e á noite compartiremos unha cea para rememorar estes 25 anos”.
Paleo dixo que “o comercio atópase nunha situación delicada e temos que potencialo e dinamizalo e unha das formas na que podemos facelo é realizar pequenas actividades e actuacións que axuden a mellorar un pouco este momento. É moi difícil chegar a final de mes, a actividade nas empresas é cada vez máis pequena, os autónomos tamén están a sufrir as consecuencias desta crise. Temos que animarnos, temos que seguir e a forma máis sinxela é facer todas as actividades que poidamos mes a mes”.
O presidente da Asociación de Comerciantes de Foz tivo palabras de agradecemento para a Federación Galega de Comercio “porque este é o segundo ano que esta campaña se fai en Foz, agradecemos o esforzo da federación por comezar en Foz a sexta edición desta iniciativa. Pensamos que esta campaña axudará a mover as vendas do día da nai na nosa vila, iso é o que agardamos”.
O acto de presentación da campaña As compras na túa vila teñen premio tivo lugar esta mañá na carpa instalada nas inmediacións do Concello de Foz e nel participaron tamén o presidente da Federación Galega de Comercio, José Mª Seijas, e o alcalde de Foz, Javier Castiñeira. Ambos recoñeceron o traballo de José Carlos Paleo e felicitaron a ACIA Foz polo seu 25 aniversario.