Foz, 1 de abril de 2013. O alcalde de Foz, o popular Javier Jorge Castiñeira, fixo esta mañá unha valoración moi positiva do que supuxo a pasada Semana Santa para o municipio.
“Por parte do grupo de goberno a valoración da Semana Santa no concello de Foz é moi positiva. A verdade é que a ocupación da vila foi moi aceptable, na dinámica de todos estes últimos anos. A pesar da climatoloxía houbo moitísimos veciños e propietarios de segundas residencias que se decidiron novamente por vir a Foz e pasar aquí as súas vacacións”, manifestou Castiñeira, quen engadiu que “na hostalería eu creo que o balance tamén pode ser moi positivo”.
No referente aos actos relixiosos de Semana Santa tanto na parroquia de Foz como na de San Martiño o rexedor municipal comentou que “a verdade é que estamos moi contentos porque se desenvolveron, a pesar da chuvia na primeira parte da Semana Santa, con total e absoluta tranquilidade, con moita presenza en todos os actos, sobre todo na parroquia de San Martiño. Polo cal teño que felicitar expresamente á Confraría do Desencravo, aos seus representantes e a toda a parroquia en xeral posto que novamente demostraron, coma todos os anos, que unha parroquia unida e traballando ben organizada e capaz de sacar adíante unha Semana Santa con cantidade de actos e moi interesante. No que se refire á Semana da Música, ligada directamente á Semana Santa de San Martiño, tamén a valoración é moi positiva, pois as actuacións que houbo este ano foron dunha calidade enorme”.
O alcalde rematou agradecendo “a todas aquelas persoas que participaron na organización e a todos os que asistiron, en especial ás autoridades que houbo no acto máis importante, que é o Acto do Desencravo de San Martiño, no que estivo un representante da Consellería de Cultura, concretamente o secretario xeral de Universidades, don José Alberto Díez de Castro; tamén José Manuel Balseiro, como representante da Mesa do Parlamento, e aos membros da Corporación asistentes”.