O obxectivo da xuntanza pasa por ultimar os detalles das xornadas técnicas e dos encontro empresariais.
González Barcia agarda que a décimo quinta edición deste evento sexa un éxito.
Burela, 11 de abril de 2013. O comité organizador da XV Feira Náutico Pesqueira Expomar mantivo un encontro esta tarde para ultimar os detalles das xornadas técnicas e dos encontros empresariais. O alcalde, José Mª González Barcia, agarda que o evento, que se celebrará do 23 ao 26 de maio, sexa un éxito.
O rexedor dixo que “practicamente está ultimado todo o programa, os expositores están todos confirmados, hai representación institucional da Xunta de Galicia a través da Consellería do Medio Rural e do Mar, estará Portos do Estado e é probable que tamén estea presente Portos de Galicia. En Burela estarán representados eses días aqueles aspectos máis importantes e máis dinámicos da actividade náutico pesqueira”.
González Barcia entende que “na xuntanza desta tarde contamos ultimar o programa das xornadas técnicas e dos encontros empresariais, salvo pequenos flecos, e tamén estamos a preparar os distintos actos de presentación de Expomar que queremos facer. O primeiro e máis importante será en Santiago de Compostela, contaremos case con seguridade coa presenza da conselleira Rosa Quintana, e barallamos as datas do 24 ou 25 deste mes para facer esta presentación dentro de aproximadamente quince días. Case con total seguridade terá por escenario a galería Sargadelos”.
O alcalde de Burela engadiu que “a partires de aquí entramos na recta final confiando en que a feira resulte un éxito de expositores, que haxa un bo nivel de transaccións comerciais e que as xornadas técnicas e os encontros profesionais sirvan para poñer enriba da mesa aqueles aspectos que máis preocupan ao sector náutico pesqueiro, non só os problemas senón tamén aportar solucións para os mesmos, aínda que algúns temas son recorrentes ano tras ano”.
José Mª González Barcia agradece publicamente “a colaboración de todas as administracións e entidades que están presentes no padroado da Fundación Expomar polas súas aportacións, a colaboración daquelas persoas que aínda sendo alleas a estas administracións ou empresas nos aportan os seus coñecementos e a súa experiencia. Confiemos en que todo discorra con absoluta normalidade, é dicir que discorra ben”.