Cervo, 30 de abril de 2013-A edil de Servizos Sociais, Pilar Armada, amosou a súa alegría porque o grupo municipal socialista “por fin se dese conta da importancia da praza dos Campos para San Cibrao como un lugar de reunión e lecer para os veciños de todas as idades e que, ademais, o fixesen público”. Armada asegura que “é unha sorpresa para nós que os principais opositores á creación desta praza asuman e recoñezan que é un espazo ideal para celebrar actos tan relevantes como o Día do Xubilado, un evento co que precisamente inauguramos esta praza no 2011”.
A delegada de Servizos Sociais lamenta que o PSOE de Cervo “tardase tantos anos en asumir que a praza dos Campos pasou a ser o corazón de San Cibrao e que era imprescindible dotar a esta vila dun lugar amplo para o entretemento e o encontro”.
Ao mesmo tempo, Armada valorou o anuncio dos socialistas de acudir ao Día do Xubilado: “Serán benvidos, ao igual que todos os convidados a este acto”. Neste sentido a edil amosou a súa satisfacción porque os socialistas recoñezan que a situación económica do Concello é boa. “O ano pasado os socialistas non acudiron, segundo dixeron, por solidariedade coa mala situación económica que, segundo eles, atravesaba o Concello. Polo tanto, se este ano acoden, é porque asumen que a situación económica é boa”.