Lugo, a 21 de Maio de 2013.- Dentro da campaña “PONTE NO MEDIO. MÓVETE POLO TERRITORIO”, cuxo lanzamento tivo lugar o 16 de abril do ano 2011 en Santiago de Compostela e debido ao éxito das anteriores edicións, ADEGA pon en marcha unha vez mais o proxecto “Cultura e Territorio”.
Un ano máis, ADEGA está a levar a cabo unha campaña pola defensa do territorio ao longo de todo o país. As agresións, acrecentadas nestes últimos anos, tanto físicas como culturais a que está sendo sometido o noso territorio dende distintos sectores sociais, esixe unha continuidade nos nosos esforzos dando resposta a estas accións, unha resposta baseada na información contrastada e na procura de solucións e propostas realmente sostibles e equilibradas de respecto cara o noso entorno.
Durante todo este 2013 ADEGA, no marco deste proxecto, realizará as seguintes actividades:
15 CHARLAS – OBRADOIRO NOS CENTROS EDUCATIVOS DE ENSINO MEDIO E PRIMARIO
Estas charlas-obradoiro, desenvolveranse mediante xogos educativos e dinámicas de grupo que consigan a implicación e sensibilización do alumnado na defensa do seu territorio mediante a utilización do método socio afectivo e a aprendizaxe significativa e construtiva, procurando ter representatividade dos diferentes realidades territoriais da provincia (A Mariña, As montañas, o Rural e o Urbano).
III CONCURSO DE RELATOS “O LUGAR ONDE VIVO”, “FOTOGRAFÍAS POLO TERRITORIO” e II CONCURSO DE CURTAMETRAXES “E TI QUE É O QUE VES?”
As bases destes concursos pódense descargar xa na web de ADEGA; www.adega.info.
XORNADAS SOBRE CULTURA E TERRITORIO
Consideramos fundamental seguir dando pé á reflexión, á participación e ao debate dos diferentes axentes sociais que inciden máis directamente no territorio: comunidades de montes, escritores e escritoras, arquitectos e arquitectas, estudosos, científicos, investigadores… de eidos tan diferentes, pero todos eles imprescindibles, para analizar a situación actual do territorio. Nas diferentes xornadas trataremos temas como: O camiño primitivo, a proposta Rías galegas- Reserva da Biosfera, o paisaxe cultural,…
CICLO DOCUMENTAL “A NOSA TERRA, A NOSA CULTURA”
Formulamos este ciclo en diferentes sesións que permitan visualizar varias obras documentais sobre como a evolución do tempo afectou negativa ou positivamente ao noso territorio, a nosa cultura e por tanto o noso país, reflectindo do o sentir e a experiencia daquelas persoas que o viviron, facendo así mesmo unha análise da situación actual coñecendo de onde vimos e cara onde imos. Concibido como un cine-forum, a primeira sesión terá lugar o día 29 de maio ás 20h no refectorio do Museo provincial de Lugo e o tema tratado será a lingua.
II FESTIVAL DE HUMOR “RIR POR NON CHORAR”
Baseándonos no éxito e na boa acollida da anterior edición, contaremos de novo con grandes humoristas da nosa terra para que facéndonos rir consigan a tan necesaria reflexión, sobre a importancia da posta en valor e a defensa dos nosos recursos naturais, patrimoniais, etnográficos… Este festival está pensado como unha gala aberta na que pretendemos implicar ao maior número de persoas posible.