Fais uns días o xogador do Club de Bolos Xove Alejandro Meitín Serantes proclamouse gañador do Campionato Galego Intermodal disputado entre os 20 mellores xogadores da provincia de Lugo e os 20 mellores do resto de Galicia (maioritariamente xogadores desprazados dende O Val Miñor e de Ourense).
Alejandro Meitín, de 19 anos, xa ten no seu haber un Campionato de España Xuvenil ó que agora suma este campionato, un dos máis complicados debido á necesidade de disputar cinco modalidades distintas de bolos con distintos bolos, distintas bolas e distintas distancias, que se celebrou, simultaneamente, nos concellos chairegos da Pastoriza e Castro de Rei.
Meitín estivo acompañado no podio por Luís Rancaño 2º, do Club de Bolos Cruceiro de Meilán, e de Ginés Rodríguez 3º, do club de Bolos Xove. As xogadoras do Club de Bolos Xove, Dolores Baño e Belén Meitín, conseguiron a 2ª e 3ª praza na categoría feminina.
Billarda
Ginés Rodríguez e Andrés Rodríguez, do Club de Bolos de Xove, aínda que neste caso formando parte da Asociación Furabolos de Sigüeiro (A Coruña) e xunto con Iván, Toño, César e Raquel, acadaron esta fin de semana un gran éxito no deporte popular da billarda ó acadar o título de campións de Galicia por equipos do ano 2013.
Obtiveron a vitoria ó gañar por un só punto ao equipo dos Billardeiros Musicais de Ribadeo, no campionato celebrado a pasada fin de semana en Marrozos (Santiago). Así mesmo, Ginés Rodríguez acadou os títulos de campión de Varados e subcampión na clasificación absoluta.