O secretario xeral do PSdeG-PSOE en Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, acudiu este mediodía á conmemoración socialista do 1 de maio en Foz, Gómez Besteiro lamentou que este Día do Traballador sexa “tristemente histórico” porque “o PP vén de recoñecer que renuncia á creación de emprego no que resta de lexislatura, tal e como admitiu o propio Rajoy, nun xesto de resignación e impotencia sen precedentes na historía de España”, ao que se lle suma “o pasotismo e falta de compromiso de Feijóo con Galicia, que incluso asegurou que non ten competencias para o emprego”. Así, á “resignación” dos líderes do PP en España e Galicia e a “falta dun proxecto real de futuro”, contrapuxo a necesidade dun “proxecto socialista sólido, forte e integrador” que “devolva a ilusión desde a esquerda e sexa a referencia de todos os galegos e galegas progresistas” para apostar polo “crecemento e a autoestima”.
O socialista insistiu en “afastar a resignación do PP e recuperar a autoestima” en Galicia diante de compañeiros e compañeiras do PSdeG de toda a provincia. A agrupación socialista de Foz foi a anfitriona un ano máis da conmemoración do 1 de maio, na que tamén interviron cunha reivindicación dos dereitos dos traballadores e traballadoras a voceira focense Rosa Pérez, a secretaria de Organización María Luisa Piñeira e o coordinador na Mariña e deputado autonómico José Ramón Val.